Entran a roubar e provocan pequenas desfeitas no Centro Cultural de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Centro Cultural de Ponte Caldelas foi obxecto esta noite dun roubo nas súas instalacións. Os asaltantes forzaron a entrada principal a este edificio municipal e provocaron pequenas desfeitas en portas e mobiliario en busca de diñeiro.

Axentes da Policía Local procederon a inspeccionar o interior do Centro Cultural de Ponte Caldelas onde puideron comprobar como varias portas pechadas con chave foran forzadas con pancas ou esnaquizadas, presuntamente, a fartar.

A pesar de existir no Centro Cultural un bo número de computadores, xa que se utiliza como aula de formación para os diversos cursos que está a impartir o Concello neste lugar, non se detectou a ausencia de ningún dos equipos existentes o que fai sospeitar que os ladróns, do mesmo xeito que en ocasións anteriores en diversas igrexas do municipio, centran o seu golpe na localización de diñeiro.

O Centro Cultural de Ponte Caldelas converteuse na nova vítima do grupo de ladróns que están a provocar nos últimos días acciones similares e que teñen en máxima alerta ás forzas e corpos de seguridade do estado que están a incrementar as súas zonas de patrulla habitual co fin de sorprender ou disuadir aos autores destas accións violentas que causan enorme prexuízo e sensación de inseguridade na zona.

Esta noite tamén tivo lugar un roubo nunha libraría da vila situada na Praza de España e provocaron serios danos en portas e mobiliario do establecemento, en busca da recadación. A libraría acumula xa tres roubos en pouco tempo cun modus operandi similar o que fai sospeitar que teñan a mesma autoría.

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa preocupación pola proliferación deste tipo de incidentes que están a provocar a alarma social na poboación, así como enormes desfeitas no patrimonio público e relixioso no municipio.

29 de xaneiro de 2014 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.