En xaneiro comezarán varios cursos do programa municipal de actividades da Laracha
O próximo domingo, coa cabalgata dos Reis Magos, concluirase o programa municipal de actividades de Nadal que se vén desenvolvendo desde finais do mes de decembro e que incluíu propostas dirixidas especialmente ao público infantil.
A partir das próxima semana, o Concello da Laracha retomará o programa de actividades de inverno, estando previsto o inicio de varias disciplinas ao longo do mes de xaneiro en datas aínda por concretarse.
Para os nenos ofrécense curso de teatro (a partir de catro anos, impartirase na Laracha e en Paiosaco os luns pola tarde) e xadrez (mércores pola tarde na Laracha para nenos de, canda menos, seis anos de idade).
Dirixido a persoas adultas irán os cursos de francés (A Laracha, luns pola tarde) e bailes latinos (A Laracha, venres pola tarde)
Máis adiante, no mes de febreiro, está previsto o inicio de cursos de informática (iniciación e avanzado), pilates, combat, arte floral (en Vilaño) e obradoiro de bixutería. En meses posteriores haberá cursos de pádel (iniciación e perfeccionamento), tiro con arco para nenos e adultos, arte floral (parroquias de Golmar, Vilaño e Lestón), photoshop, cociña e aqyagym.
Todas as persoas empadroadas no Concello da Laracha que desexen participar deben acudir á Casa do Concello para anotarse. A cota de inscrición é moi reducida e presenta descontos para menores de idade, persoas maiores de 65 anos, familias numerosas e tamén familias nos que todos os seus membros maiores de idade se atopen en situación de desemprego. Tamén hai reducións no prezo para calquera persoa que se anote en dúas ou máis actividades.











