Eméndase unha vertedura do polígono Espírito Santo que afectaba ao Rego de Gándara, en Cambre
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven de eliminar un importante aporte contaminante que afectaba ao Rego de Gándara, no termo municipal de Cambre e que desemboca na Ría do Burgo. A emenda desta vertedura procedente do Polígono Industrial Espírito Santo iniciouse tras detectar Augas de Galicia aportes contaminantes na rede de augas pluviais.
Tras confirmar o presenza dos mesmos, comezouse unha exhaustiva campaña de inspeccións en dita rede, que se estendeu durante varios meses, período no que se localizaron conexións erróneas dende instalacións asentadas nesta área industrial. Asemade, Augas de Galicia requiriu aos titulares a emenda das deficiencias detectadas e a eliminación dos vertidos de auga residuais á rede de augas pluviais.
Esta campaña vén de finalizar recentemente coa eliminación de todos os aportes contaminantes á rede de pluviais que foran detectados. Paralelamente, tamén se levaron a cabo inspeccións no polígono cos técnicos do Concello de Cambre (titular da rede) e dende a Administración local iniciáronse unhas obras de renovación dos colectores de pluviais e residuais en varias parcelas do polígono, que finalizaron recentemente.
A campaña de inspeccións que propiciou a emenda do punto foi complexa e tomáronse unhas 50 mostras sobre as que foron realizadas, analíticas de parámetros de diversa natureza, dende contaminación microbiolóxica, orgánica, aceites, deterxentes, hidrocarburos e metais.
O punto de vertido da rede de pluviais ao río Gándara dera lugar a un total de cinco alertas pola aparición de escumas no río Gándara, das cales dúas foron a través do servizo 112, mentres que as tres restantes foron emitidas polos propios técnicos do Plan de Control de Vertidos (PCV) tras detectar situacións de importante afección. En total, realizáronse un total de 48 dilixencias de inspección, 27 delas á instalacións industriais e as 21 restantes ao punto de vertido ou na propia rede de pluviais.
36 meses de traballo
Tras constatar a contaminación, a finais de 2010 iniciouse unha intensa campaña de inspeccións nas empresas do polígono. Esta campaña estendeuse ata o momento actual e consistiu na caracterización da rede de pluviais do polígono, mediante apertura de todos os pozos de rexistro e toma de mostras dos diferentes ramais, e tamén no inventario e control das empresas localizadas.
O seguimento da rede foi complexo debido ao carácter puntual e variable dos vertidos, de diferentes naturezas. Paulatinamente, tras identificar completamente a rede, os técnicos de Augas de Galicia foron determinando a orixe da contaminación con diferentes tomas de mostra. Naqueles puntos onde se detectaban maiores caudais e con maiores frecuencias realizáronse inspeccións encamiñadas á apertura de pozos e control de acometidas. Así, puideron detectarse vertidos de augas residuais procedentes de diferentes empresas.
A día de hoxe, as mostras revelan por primeira vez ausencia de contaminación no punto de vertido, tanto para parámetros físico-químicos como microbiolóxicos. Isto coincide co observado en medio receptor, que non presenta a afección observada ao longo dos últimos anos. Por vez primeira non se observan escumas, ou cores nin cheiros característicos.
Polo tanto, o punto de vertido pasa a catalogarse coma subsanado, aínda que dende Augas de Galicia realizarase un seguimento periódico deste para asegurar que non se producen problemas futuros.