Elba Blanco, Laura Hermida e María José Rodríguez gañan o Concurso de Postais de Nadal con Mensaxe de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O xurado do Concurso de Postais de Nadal con Mensaxe do Concello de Oroso vén de nomear ás gañadores do certame, que recollerán os seus premios durante a Cabalgata de Reis deste domingo 5 de xaneiro. As gañadoras son Elba Blanco Martínez (categoría de 4 a 6 anos), Laura Hermida Pérez (categoría de 7 a 9 anos) e María José Rodríguez García (categoría de maiores de 14 anos). A categoría de 10 a 13 anos foi declarada deserta.

A postal de María José Rodríguez recrea un dos monumentos do Paseo do Río Carboeiro, dedicado aos ríos de Oroso que están representados por cabezas de troita, baixo a lenda: “Que a ledicia de ver a Deus nacer faga a esperanza renacer no corazón de tódalas xentes. ¡Boas festas!”. Pola súa banda, Laura Hermida debuxou un Papá Noel coa mensaxe: “Con todos os meus desexos de que todas as familias poidan gozar deste Nadal e que aos nenos non lles falte o máis bonito: a infancia, o amor e a ilusión”. Finalmente, a pequena Elba Blanco debuxou adornos de Nadal coa lenda: “O importante é que estamos xuntos no Nadal”.

Cabalgata

As postais gañadoras serán publicadas na web do Concello de Oroso (www.concellooroso.com) e estas tres veciñas recollerán os seus premios (un lote de libros) este domingo 5 de xaneiro, durante a gran Festa de Reis no polideportivo municipal de Sigüeiro. Previamente, os Reis Magos percorrerán este ano as rúas de Sigüeiro en tren. Se o  ano pasado chegaron a cabalo e hai tres anos a bordo de coches antigos, a novidade deste ano será a visita nun tren turístico no que estarán acompañados por nenos e nenas que decidiron sumarse a esta festa.

A Gran Cabalgata de Reis sairá ás 17:30 horas da Estación de Vilacide para facer un percorrido polas rúas de Sigüeiro, durante o cal repartirán caramelos aptos para celíacos. O percorrido será o de anos anteriores: rúa do Portiño, rúa Insua, praza de Alexandre Bóveda, rúa do Medio, avenida de Compostela, praza da Foca, avenida da Garabanxa, rúa da Cultura, rúa Río Lengüelle, avenida de Compostela e rúa do Xuncal ata a praza Isaac Díaz Pardo.

Ás 18:15 horas, as Súas Maxestades de Oriente serán recibidas na Casa do Concello pola Corporación Municipal. Acto seguido, a comitiva dirixirase ata o pavillón de deportes, onde se agarda a súa chegada ás 19:00 horas e onde terá lugar unha gran festa infantil con inchables e música. Un pavillón municipal que non abrirá as súas portas ata as 18:30 horas.

3 de xaneiro de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.