Dous proxectos de San Sadurniño participan nos premios ao desenvolvemento local de AFIPRODEL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

A clínica de fisioterapia Fisio-che-ben e Fálame de San Sadurniño son as dúas iniciativas locais que concorren aos premios convocados pola asociación AFIPRODEL, integrada por profesionais do desenvolvemento local de Galicia. Os premios buscan recoñecer e difundir iniciativas que contribúan ao desenvolvemento local realizadas en municipios galegos de menos de 20.000 habitantes nos que teña colaborado, asesorado ou titorizado os servizos dun profesional de desenvolvemento local. Un xurado e as votacións públicas realizadas ata o 15 de febreiro outorgarán 3 galardóns e tres accesits para experiencias promovidas por entidades e administracións públicas, por entidades privadas e para proxectos emprededores e/ou de empresas. Ademais haberá un recoñecemento especial para o proxecto máis votado polo público na páxina web.

A proposta que vai en cabeza nas preferencias do público está sendo a clínica Fisio-che-ben, impulsada pola emprendedora de Bardaos Mónica Muíño. Este centro de fisioterapia e rehabilitación atopou un interesante nicho de mercado na zona e conseguiu asentarse en moi pouco tempo. De feito, na actualidade dalle traballo a catro persoas, algo fóra do común no sector servizos e máis aínda no ámbito rural.

Fisio-che-ben conta no intre de redactar esta nova con 995 votos, o 38% do total emitido ata o momento, seguida polos 537 votos da Casa de Carmen -unha casa rehabilitada para alugueiro vacacional en Cee- e os 512 da UNED Sénior de Xestoso. En total hai presentadas polo de agora 22 propostas de todo tipo e de todo o territorio galego. As votacións poden facerse a través da web da entidade, afiprodel.org, aínda que só se admitirá un voto entre as tres categorías: empresas e emprendemento, entidades privadas e entidades públicas.

Nesta última categoría tamén participa o Concello de San Sadurniño co proxecto Fálame de San Sadurniño. Trátase dunha iniciativa nacida no seo da aula CeMIT co gallo do Día das Letras Galegas e tamén día de Internet, que conxuga na mesma actividade a defensa da lingua galega e o emprego das TIC.

Fálame de San Sadurniño é un proxecto colaborativo en internet no que as persoas participantes aprenden a dixitalizar e xeolocalizar fotografías, a gravar un audio explicativo de cada imaxe e a subir o resultado á web do mesmo nome. Falamedesansadurnino.org é un espazo na rede no que simples fotos faladas cargan de sentido colectivo a pequenas vivencias individuais que, só en aparencia, semellan desconectadas.

Mais o proxecto non só pretende reflectir os tempos pasados de San Sadurniño, senón tamén o seu presente a través de imaxes, sons, vídeos ou documentos que nos “falen de SanSa” na actualidade, para convertérense nun espazo vivo e integral da memoria que sostén o devir cotián das xentes, empresas, asociacións ou creadores das terras de San Sadurniño.

Fálame conseguiu converterse en menos de seis meses nun auténtico referente dixital para moitos veciños e veciñas, xa que na actualidade conta coa colaboración de máis dun cento de persoas, arredor de 250 documentos dispoñibles -entre fotos, pdfs descargables e audios- e supera xa as 100.000 páxinas vistas.

9 de xaneiro de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.