Dous minutos de soño que tornaron en pesadelo para o Santiago Futsal
O Santiago Futsal soñou durante 2 minutos, pero o único que fixo foi espertar a un FC Barcelona Alusport que arrasou na pista do Multiusos demostrando por que é un dos mellores equipos do mundo. Tras unha primeira parte apisoadora, o Santiago Futsal non baixou os brazos e loitou ao contraxeito co apoio dun público que hoxe encheu as bancadas de Sar para tratar de dar o último alento que lles faltou aos de Santi Valladares.
O partido non puido comezar mellor para o Santiago Futsal, que tras unha xogada de estratexia de córner, marcou o primeiro tanto tras empuxar Ari o gol na súa portaría. Só pasaron 20 segundos ata que David centrou o balón que David Pazos rozou de tacón para marcar o segundo dos santiagueses cando só pasaran 1 minuto 35 segundos. Marc Carmona pediu tempo morto que serviu aos culés para reaccionar e en apenas uns segundos despois Wilde recortou distancias tras un erro defensivo. O Barça volveuse intratable e con moito perigo á contra, Wilde empatou pouco despois. Lin foi o encargado de marcar o 2-3 tras outra contra e Sergio Lozano puxo o cuarto cun golazo imparable sobre a portaría de Juanjo. Tras varios minutos de dominio azulgrana chegou o gol de Gabriel a 30 segundos do descanso tras unha xogada de mala fortuna que fixo chegar ao descanso con 2-5.
Tras o tempo de descanso o Santiago Futsal cargou pilas e Loito recortou distancias tras un forte disparo desde fóra da área. David Pazos puido marcar para os santiagueses tras varias ocasións moi claras nas que se atopou a un gran Paco Sedano en fronte. Tras o ecuador da segunda parte, o canteirán Adrián Ortego debutou con gol ante a mirada dos santiagueses que acusaban a entrega física e non lograban amansar a un FC Barcelona intratable. Barroso vestiuse de porteiro-xogador a 4 minutos do final e Aicardo marcou o definitivo 3-7 ao disparar ante o seu excompañero que se atopaba baixo paus coa camiseta de porteiro-xogador. O Santiago Futsal seguiuno tentando até o final pero o Barça impuxo o seu poder e venceu o partido.
Sala de prensa
Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, comentou que “o peor que nos puido pasar foi marcar o segundo gol porque espertamos á fera. E despois que chegamos un pouquiño xustos, sobre todo a partir da segunda rotación, pero o certo é que o Barcelona é o Barcelona e hoxe foi un auténtico ciclón”.
Pola súa banda, Marc Carmona, adestrador do FC Barcelona Alusport, afirmou ao final do partido que “estou moi contento polo resultado tras unha semana difícil de traballo. O equipo esforzouse moito e creo que lles fixemos dano co balón e atopamos o partido que queriamos a pesar do 2-0 inicial, onde o equipo soubo manter a calma e non porse nervioso”.
Ficha do partido
Santiago Futsal: Juanjo, David, Loito, David Pazos e Diego Quintela (cinco inicial), Barroso, Hamza, Hugo, Palomeque, Eloy Vermellas.
FC Barcelona Alusport: Paco Sedano, Aicardo, Gabriel e Wilde (cinco inicial), Torras, Lin, Sergio Lozano, Saad, Fran Conde e Adrián Ortego.
Goles: 1-0 Ari pp (min 1), 2-0 David Pazos (min 2), 2-1 Wilde (min 2), 2-2 Wilde (min 8), 2-3 Lin (min 11), 2-4 Sergio Lozano (min 12), 2-5 Gabriel (min 19), 3-5 Loito (min 21), 3-6 Ortego (min 32), 3-7 Aicardo (min 38)
Árbitros: Do Pozo García e López Jiménez do colexio madrileño
Amoestacións: Cartón amarelo para Palomeque e Pazos do Santiago Futsal e para Sergio Lozano do FC Barcelona Alusport.
Incidencias: Partido correspondente á décimo novena xornada de liga, disputado no Multiusos Fontes do Sar ante case 3000 espectadores.











