Doan ao Concello de Poio o gravado “Cristóbal Colón por medio de los indios”

Entrega do gravado
Esta mañá, o Salón de Plenos do Concello de Poio acolleu a entrega do gravado realizado por Turgis (Francia) no século XIX e reproducido por J.M. Fuentes, de Málaga. O título é “Cristóbal Colón por medio de los indios”, e representa a chegada de Cristóbal Colón a terras americanas. A obra foi encontrada polo actual propietario, anticuario e restaurador, nas antigas dependencias do concello de Soutomaior. Posiblemente formou parte das posesións do Castelo de Soutomaior, que se atopan dispersas en múltiples coleccións particulares.
O actual propietario foi consciente do valor do gravado polo interese que espertou en moitos coleccionistas americanos, feito que o levou a descubrir que o outro único exemplar que se coñece encóntrase na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, en Washington.
Agora, este restaurador e anticuario entrégao en doazón, que o concello de Poio recolle de mans da Asociación Colón Galego – Celso García de la Riega para ser depositado e exposto na Casa Museo de Colón en Porto Santo.
En nome do Concello de Poio, a concelleira de cultura Silvia Díaz destacou a importancia desta doazón, por facer posible que este gravado, que forma parte do patrimonio histórico e cultural galego e que formou parte do acervo do Castelo de Soutomaior, poida ficar no noso país. Tamén salientou a labor da Asociación Colón Galego, polo seu empeño por acrecentar e enriquecer os fondos da Casa Museo de Colón, onde se depositará este gravado, e que ven a sumarse ao facsímil das Capitulacións de Santa Fe, entregado á asociación polo Instituto de Patrimonio Cultural fai apenas uns meses.
O presidente da Asociación Colón Galego – Celso García de la Riega explicou as características da obra doada, creada por Turgis en Francia ao redor de1850, así como as circunstancias do achado, e puxo de relevo a importancia da difusión da teoría que defende a orixe galega de Cristóbal Colón, que os membros desta asociación veñen defendendo e contribuindo á súa expansión dende fai anos.
O Alcalde de Poio, Luciano Sobral recoñeceu os logros recentemente acadados, como a ratificación do Instituto de Patrimonio Cultural da autenticidade dos documentos de Celso García de la Riega, que son pasos decisivos para a hipótese que defende a orixe galega de Colón, así como o traballo da Asociación Colón Galego por divulgar e estender a teoría, labor que se intensificou e que comezou a cobrar máis forza desde que o Concello de Poio conta cun espazo de referencia, a Casa Museo de Colón en Porto Santo.











