Dispositivo extraordinario na Coruña ante a alerta por forte temporal no mar
O tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade, Xullo Flores, anunciou esta mañá que o Concello establecerá un dispositivo extraordinario de seguridade e emerxencias ante a previsión dun forte temporal de mar na tarde do sábado, 1 de febreiro: “Debido á previsión de forte ondada, mareas vivas e pleamar ás 18.00 horas, que coincide ademais cun gran fluxo de cidadáns polo paseo marítimo que acudirán a eventos deportivos ás 18.00 horas no Palacio dos Deportes e ás 20.00 horas no Estadio de Riazor, vaise a desenvolver este dispositivo extraordinario”, sinalou.
Tal e como explicou Flores, neste dispositivo participarán un total de 78 efectivos: 38 axentes da Policía Local, 15 bombeiros e 25 persoas de Protección Civil, que se encargarán de extremar o control da seguridade das persoas e regular o tráfico en función da evolución do temporal.
Nestes momentos está prevista a alerta laranxa por fenómenos costeiros con ondas de 5 a 8 metros desde as 03.00 horas, que podería converterse en alerta vermella ao redor das 18.00 horas do sábado: “Este dispositivo dará comezo desde as 15.30 horas do sábado ao longo da zona costeira urbana, en especial ao tramo do paseo marítimo comprendido entre as zonas do Orzán e Riazor”, explicou e engadiu: “Os cortes de tráfico iranse activando en función das zonas afectadas pola ondada, prohibirase o acceso ás praias precintando as entradas, e ademais prohibirase o paso dos peóns nas zonas do paseo marítimo que poidan verse afectadas a ondada”.
Flores realizou un chamamento á colaboración dos cidadáns: “Pedimos sentido común, prudencia e precaución ante unha situación que podería converterse en perigosa entre as 17.00 e as 19.00 horas. Solicitamos aos veciños que eviten achegarse ás zonas costeiras urbanas e a todos aqueles que teñan pensado asistir a algún dos eventos deportivos que eviten transitar polo paseo marítimo e que utilicen as rúas interiores”. O tenente de alcalde finalizou agradecendo a colaboración dos cidadáns e o traballo dos servizos de emerxencias que, desde o 15 de decembro, despregaron un total de 20 dispositivos por alertas meteorolóxicas.











