Destínanse 12.300 euros para a promoción e consumo de froitas frescas en 19 centros escolares de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Rural e do Mar vén de mobilizar unha partida de máis de 12.000 euros que se repartirá entre 19 centros escolares de Educación Infantil de segundo ciclo, Primaria e ESO da provincia de Ourense. O obxectivo destas axudas é contribuír á distribución e ao consumo de froitas frescas entre o alumnado destes centros. O Diario Oficial de Galicia de hoxe publica a Resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria pola que se dá publicidade a estas axudas.

O importe destas subvencións, destinadas a un total de 19 centros educativos da provincia ourensá, oscila entre os 116 e os 1.705 euros. En toda a Comunidade autónoma, a Xunta destina a estas axudas para a distribución de froitas frescas aos escolares unha partida cifrada en 131.000 euros.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, considera que estas axudas “contribuirán a que os nosos pequenos se conciencien da importancia de incluír no seu menú diario o consumo de, a lo menos, unha peza de froita”. Ademais, Martínez subliñou que estas axudas veñen a complementar outras actuacións doutros departamentos autonómicos encamiñadas a fomentar unha alimentación saudable entre os pequenos e a mocidade”. O delegado territorial anima aos escolares a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento.

15 de xaneiro de 2014 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.