Desbloquéanse as negociacións para urbanizar a estrada de Campelo, Poio
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, os representantes da Asociación de Veciños de Campelo, encabezados polo seu presidente, José Currás, o rexedor local de Poio, Luciano Sobral, e os voceiros do PP, PSOE e BNG conseguiron esta tarde desbloquear as negociacións para urbanizar a estrada de Campelo.
Nunha xuntanza, convocada polo titular da Administración provincial a petición dos veciños, a Deputación e o Concello acordaron que a obra se financiará seguindo o mesmo modelo que estas dúas administracións xa utilizaron no seu día para humanizar a baixada a Lourido.
A institución provincial achegará o 70% do financiamento e o Concello o 30% restante, se ben no caso da entidade local a achega realizarase en dúas anualidades.
Unha vez pechado este punto o principal escollo para salvar é a “imprescindible” cesión dos terreos necesarios por parte dos veciños. Para logralo e poder iniciar, canto antes, os traballos na estrada, acordouse fixar como prazo todo o mes de febreiro, para que o Concello logre esta cesión voluntaria e en marzo se poida iniciar a licitación das obras.
Un proxecto de 1,7 millóns de euros
Tanto o presidente da Deputación coma o rexedor local incidiron en que esta cesión “é clave” para poder realizar os traballos, que contan cun orzamento de 1,7 millóns e afectan a un tramo de 1,7 quilómetros de estrada.
Rafael Louzán salientou que se trata dunha “obra moi necesaria” para facilitar a mobilidade nun dos núcleos máis consolidados do concello, no que se atopan importantes servizos coma unha gardaría, o ambulatorio ou a igrexa.
O proxecto contempla o ancheamento da plataforma da estrada desde os 6-7 metros actuais ata os 12,6 metros. Dotaríase así de dúas beirarrúas, unha a cada marxe da estrada, e unha franxa de aparcadoiro, ademais de todos os servizos necesarios, coma o saneamento e abastecemento de auga e as canalizacións de telefonía e electricidade, entre outros.
Nova xuntanza a finais de febreiro
O presidente da Deputación destacou a plena disposición da Deputación para axilizar ó máximo esta infraestrutura, como xa manifestou noutras ocasións, e agradeceulles a todos os participantes na reunión a súa implicación e vontade de chegar a acordos para responder a “unha demanda histórica”.
Co obxectivo de seguir avanzando, todos os participantes na xuntanza de hoxe –que acordaron constituírse en comisión para o seguimento de todo o proceso ata o inicio das obras– reuniranse novamente a finais de febreiro para coñecer se se dispón xa de todos os terreos necesarios, para poder buscar solucións no caso de que haxa algunha incidencia puntual.











