Declárase deserto o concurso para xestionar a casa de acollida de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá non adxudicar o concurso convocado para a xestión da Casa de Acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero, xa que a entrada en vigor da nova Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local, fai que este servizo pase a ser competencia da Comunidade Autónoma, e non do Concello de Ourense.

A lei, que traslada ás comunidades autónomas esta competencia, define un período transitorio dun ano, que remata o día 31 de decembro de 2014 pero o concurso, convocado polo Concello con anterioridade a esta lei, prevía un prazo de adxudicación que excedería esa data.

Así, á vista destes feitos, o Concello acorda non adxudicar o concurso, ao que se presentara, como única oferta, a do Instituto de relixiosas adoratrices esclavas do santísimo sacramento e da caridade.

En calqueira caso, o Concello de Ourense seguirá a prestar este servizo nas mesmas condicións e coas mesmas prestacións actuais, mantendo a mesma casa de acollida, na súa ubicuación e modelo de xestión, para non deixar sen atender ás súas usuarias. Será dun xeito provisional ata que, por parte da Xunta de Galicia, se asuma esta competencia ou, en caso de estimalo procedente, a delegue no Concello de Ourense. A concelleira de Benestar Social, Marga Martín mantivo contactos coa Xunta de Galicia para informarlles desta situación e coordinar os pasos a seguir.

Centros cívicos

Na mesma sesión da Xunta de Goberno Local deu un paso adiante o concurso para adxudicar o servizo de conserxería e outros servizos para o funcionamento dos centros cívicos do Concello de Ourense.

Un total de 16 empresas concurriron ao concurso convocado polo Concello. Recibidas as ofertas, e avaliadas polos servizos municipais á vista do programa de prestación de servizo e a proposición, económica, aprobouse a ordenación decrecente das ofertas, sendo a de Eventos e Servicios Norte S.L.U. a que obtivo a mellor valoración.

No acordo aprobado esta mañá o Concello require, en consecuencia, a esta empresa que presente a documentación necesaria para proceder á adxudicación do contrato.

A rede de centros cívicos do Concello de Ourense, posta en marcha durante os últimos 5 anos, consta de 5 equipamentos: Colón-Casco Vello (inaugurado en outubro de 2008 e ampliado o presente mes de xaneiro), A Cuña (novembro de 2010), A Ponte (marzo 2011) As Termas (marzo 2011) e Seixalbo (maio de 2013).

Convenios con nove entidades para Ourense inserta

Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura de convenios de colaboración entre o Concello de Ourense e nove entidades e empresas para a realización de prácticas por parte das alumnas e alumnos que participan no proxecto “Ourense inserta”.

25 participantes poderán así complementar a súa experiencia formativa, nos ámbitos da atención sociosanitaria a persoas a domicilio e a instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. No caso da atención sociosanitaria, os convenios asinaranse con Sierra Martiña S.L, AFAOR (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense), A modiño, S.L., Estrada Cristobo, S.L., Abueliños, Agarimo Servicios Sociosanitarios, Residencia Hogar El Paseo e  Fomento de Servicios Sociosanitarios UTE. No caso do curso de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, o convenio será coa empresa Ecourense.

O proxecto Ourense inserta está cofinanciado polo Concello de Ourense (20%) e o Fondo Social Europeo (80%), e conta cun orzamento total de 1,6 millóns de euros. Recolle, entre outras accións, o desenvolvemento de cursos formativos dirixidos a persoas desempregadas, que constan dunha parte teórica e outra práctica, consistente na realización de prácticas en empresas e entidades. Con elas preténdese que os alumnos teñan a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos na súa formación académica, preparándoos para o exercicio da actividade profesional, con vistas a facilitar a súa incorporación ao mercado de traballo.

O programa Ourense Inserta suma un total de 270 participantes, que recibiron ou reciben na actualidade formación nos sectores da atención a domicilio, a hostelería e o medio ambiente.

27 de xaneiro de 2014 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.