De Pontevedra a Londres a través do galego da man de 80 alumnos pontevedreses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Normalización Lingüística e os servizos de Normalización Lingüística dos centros de ensino de Lérez, Xeve e Campañó presentaron esta mañá o proxecto Ponte a Londres, unha iniciativa innovadora para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez (33 alumnos/as), Xeve (38 alumnos/as) e Campañó (13 alumnos/as de 6º), coa colaboración do colexio español Cañada Blanch de Londres. As distintas actividades do programa impulsarán o galego como lingua de comunicación entre o alumnado e axudará aos nenos e nenas de Pontevedra a valorar a lingua galega como lingua de comunicación. Tamén se incentivará a reflexión de que o coñecemento, o uso e a valoración do galego é unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza. Durante cinco meses, os rapaces e rapaces dos centros de Pontevedra e Londres traballarán directamente en:

1. Cinco sesións de hora e media de duración nos centros educativos en horario escolar, onde se traballará en galego cunha proposta clara: a dinamización do uso do galego partindo da divulgación cultural da realidade, amosando e divulgando o que se fai en Galiza nos diferentes ámbitos de maneira motivadora para o alumnado.

2. Un blog didáctico dirixido, como ferramenta con contidos que abranguen a divulgación de proxectos e propostas creativas galegas de tendencia; o proceso do proxecto a través da fotografía e vídeo; os contidos elaborados polo alumnado en diversos formatos e as conversas, reflexións e debates que poidan xurdir das tarefas presentadas.

O blog será o elemento vertebrador de toda a acción educativa; axudará a establecer un diálogo continuo entre docente e alumnado, e entre o alumnado de Pontevedra e Londres.

3. O seguimento online das actividades durante os meses de duración do proxecto empregando como ferramenta o correo electrónico, e o blog.

4. A elaboración dun documental que de conta do proceso de todo o proxecto e a tarefa creativa do alumnado.

A edición, documentación e actualización do blog comezará o 23 de xaneiro e continuará ata o remate da actividade. Ademais, haberá cinco sesións presenciais, guiadas por unha monitora: 23 de xaneiro: Sesión de presentación e primeira conexión con Londres: (1 hora e media)

– de 9 a 10 horas, no CEIP de Xeve;

– de 10.15 a 11.15 horas, no CEIP de Lérez, para Lérez e Campañó.

– de 11.36 a 12.30 horas conexión con Londres desde Xeve e Lérez

• Presentación do proxecto e da plataforma de comunicación e visualización dun vídeo inicial promovendo a participación nesta proposta.

• Videoconferencia con Londres co obxectivo de explicarlles a nosa proposta e o blog no que iremos creando contido e co que poden interactuar.

• Xogo de presentación e visualización de vídeos e entrevistas de proxectos audiovisuais galegos que ampliarán o coñecemento da cultura galega actual.

• Final e despedida: propoñer que ata a vindeira sesión, cada estudante busque un obxecto que a rapazada de Londres non saiba recoñecer, obxectos típicos da nosa terra e cun nome en galego, para chamar a atención do outro grupo. Que o fotografíe ou se grave en vídeo, explique o que é e o envíe para amosar na galería do blog.

17 de xaneiro de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.