publicidade hoxe

Culleredo contará cun rexistro no Burgo para facilitar as xestións aos veciños dos núcleos urbanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

A administración municipal cullerdense achegarase un pouco máis aos veciños dos núcleos urbanos. O Concello creará un novo rexistro no Burgo, que se sumará ao xa existente na casa consistorial, para facilitar as xestións das parroquias máis poboadas do municipio.

O equipo de goberno elevará esta proposta ao pleno da corporación que se celebrará mañá xoves, a partir das 20.30 horas, na Casa do Concello. Unha vez aprobada a creación, o rexistro poderá comezar a funcionar o 1 de marzo próximo.

O rexistro auxiliar do Burgo instalarase no Edificio de Servizos Múltiples. O seu horario será de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas.
O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, explica que esta medida persegue “propiciar aos cidadáns un segundo punto para a entrega de documentación necesaria na realización dos seus trámites”. O rexedor considera que proporcionará unha mellora substancial da atención ao veciño ao evitarlle desprazamentos máis longos, respondendo as necesidades trasladadas polos veciños.

A intención do goberno de Culleredo pasa por habilitar un novo rexistro en Vilaboa, no pazo de Vila Melania. Acometerase unha vez verificada a idoneidade e bo funcionamento do novo do Burgo. Desa forma, os dous principais núcleos do municipio disporán de rexistro auxiliar.

Esta decisión únese á aposta pola administración electrónica que ten en marcha o Concello de Culleredo. O Concello desenvolveu unha plataforma que dá un servizo de calidade ao veciño, permitíndolle a realización de numerosos trámites sen desprazamentos.

A oficina virtual proporciona acceso aos veciños aos servizos de información que ofrece o Concello. Na plataforma, os veciños poden, entre outras funcións, iniciar tramitacións, emendar a documentación dun procedemento xa en marcha, consultar o estado de solicitudes e expedientes, obter volantes, certificados e outros documentos, seguir a solicitude por vía telemática mediante correo electrónico, pagar taxas ou recibos, ou acceder ao rexistro telemático e portelo único.

29 de xaneiro de 2014 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.