Cristino Álvarez, “Caius Apicius”, é o gañador do XX Premio Nacional de periodismo gastronómico “Álvaro Cunqueiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

O periodista da axencia EFE foi elixido por unanimidade polo xurado polo “seu traballo xornalístico gastronómico recollido nos artigos difundidos por EFE, baixo o pseudónimo <Caius Apicius> polo conxunto de traballos, calidade de escritura, rigor da documentación utilizada, acreditada traxectoria e capacidade de difusión en España a nivel internacional”

O periodista Cristino Álvarez Herrero, baixo o pseudónimo <Caius Apicius> faise por unanimidade do xurado co XX Premio Nacional de Periodismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, promovido polo Concello de Lalín, en colaboración coas Facultades de Comunicación das universidades galegas e coas asociacións gastronómicas galegas, e en colaboración coa Xunta de Galicia (Axencia de Turismo de Galicia) e coa Deputación de Pontevedra, polo “seu traballo xornalístico gastronómico recollido nos artigos difundidos pola axencia EFE polo conxunto de traballos, calidade da escritura, rigor da documentación utilizada, acreditada traxectoria e a capacidade de difusión en España e a nivel internacional”.

<Caius Apicius>, admirador de Álvaro Cunqueiro, foi elixido entre a trintena de traballos -22 presentados por profesionais do sector da comunicación e 8 traballos académicos- que concorreron a esta candidatura en todas as categorías (medios de comunicación impresa, traballos gráficos, radio, televisión, internet, libros, publicacións, traballos de investigación, etc.).

Este galardón, recoñecido como o máis importante de España a nivel gastronómico e dotado con 3.000 euros, entregarase o venres, 21 de febreiro, no transcurso da Gala do Cocido que, retransmitida pola TVG, terá lugar no Lalín Arena e na que actuarán Luz Casal, Mónica Naranjo, El Viaje de Elliot, Andrade, Andrés Suárez, Banda de Música de Lalín, e as Pandereiteiras de “A Carballeira de Cercio”, entre outros artistas que se irán confirmando nos próximos días.

Así o acordaron os integrantes do xurado na súa deliberación que tivo lugar a partir de este mediodía na Casa do Concello de Lalín. Un xurado, presidido polo alcalde de Lalín, José Crespo, no que participou a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti, e que estivo integrado ademais por destacados xornalistas como Francisco López Barxas, asesor da Consellería de Cultura; Arturo Maneiro Vila, presidente da APG (Asociación de Periodistas de Galicia) e membro do Consello de Administración da CRTVG; e Martín Fernández Vizoso, xefe do Gabinete de Comunicación da Deputación de Pontevedra.

Tamén estivo conformado o xurado polos decanos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Coruña, José Videla Rodríguez, e polo decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho Valencia, e polo de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Xosé Pereira Fariña (que emitiu o seu voto por teléfono), que se encargaron de avaliar e valorar os traballos académicos dos alumnos de Periodismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual dentro da categoría de traballos académicos.

SEGUNDO PREMIO E MELLOR PREMIO ACADÉMICO

O segundo Premio dotado con 1.000 euros recaeu no programa “Galicia para el mundo” da produtora Pórtico Audiovisuais pola “traxectoria, capacidade de difusión dos valores da gastronomía galega en Galicia, España e no resto no mundo, así como pola boa calidade do traballo estético e visual”.

O proxecto académico “Trotacocido”, realizado por Mayka Aguado Taboada, Leticia Río Dovao, Paula Rodríguez López, Cristina Salgado Rey, Daniel Santalla Silva, Abel Tomé Piñeiro, Ángela Villanueva Míguez, Daniel Viña Teijo e Vasilis Voulgarakis, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, alzouse co premio ao mellor traballo académico dotado con 1.000 euros, e presentado entre todas as categorías por alumnos de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional.

30 de xaneiro de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.