Cores Tourís visitou o centro de día de Poio posto en marcha coa colaboración do GDR Pontevedra-Morrazo

Cores Tourís na visita ao centro de día de Poio
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o primeiro centro de día da localidade de Poio, situado en Combarro, e posto en marcha a través dun proxecto subvencionado polo GDR Pontevedra-Morrazo dentro do programa Leader 2007-2013.
Na visita, o delegado territorial, acompañado polo alcalde da localidade, Luciano Sobral, así como pola xefa territorial de Traballo e Benestar, María Peón, e o presidente do GDR Pontevedra-Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores, puido comprobar o funcionamento deste novo centro terapéutico que supuxo un investimento de case 160.000 euros dos cales 62.400 foron achegados pola Xunta de Galicia.
En total, o novo centro de día de Poio conta con 40 prazas a media xornada ou xornada completa, incluíndo servizo de comedor con cociña e menús adaptados. “Na actualidade, contamos con 9 usuarios, oito son de Poio e un de O Grove”, explicou Lucía Saborido, fundadora e directora de Saraiva.
Segundo apuntaron os responsables do proxecto ao delegado territorial, nas instalacións, situadas nas inmediacións do porto deportivo de Combarro, organízanse actividades destinadas ao colectivo de maiores como son obradoiros de memoria, musicoterapia, ximnasia, novas tecnoloxías ou relaxación. “De feito, no centro conviven persoas maiores autónomas xunto con quen require atención especializada para tratamentos como o de alzhéimer ou o do párkinson”, explicou Ricardo Fra, director técnico de Saraiva.
Este centro é o terceiro que pon en marcha a rede de Saraiva, tras Marín e Pontevedra, e neste traballa un equipo profesional formado por terapeutas ocupacionais, enfermeiras, fisioterapeutas, xerontólogas, traballadores sociais e auxiliares xerocultoras.
Segundo matizou Lucía Saborido, “unha das características deste primeiro centro de asistencia diúrna e atención integral terapéutica é a posta en marcha do modelo `housing´ holandés, que ten como obxectivo que as instalacións transmitan sensación de fogar, que sexa un lugar aberto á sociedade no que colaboren os familiares”. A maiores, “o equipo leva a cabo un seguimento médico dos usuarios e personaliza o seu tratamento e terapias en función da biografía e preferencia do usuario”, engadiu Saborido matizando que “o noso modelo de atención céntrase na preserva da dignidade da persoa xa que a nosa metodoloxía de traballo, como se pode ver, baséase nas súas capacidades e preferencias, e non nos seu déficits”.
En total, a provincia de Pontevedra conta con 1.781 prazas para persoas maiores entre residencias e centros de día públicos e concertados.
305 proxectos en Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, aproveitou a visita para destacar os 9,1 millóns de euros que se destinarán no plan financieiro 2013-2015 ás seis asociacións de desenvolvemento rural da provincia, dos cales, 800.000 corresponderán a Pontevedra-Morrazo.
Tamén fixo referencia Cores Tourís a importancia dos proxectos levados a cabo ata o momento a través dos distintos GDR da provincia.
Deste xeito, dende o comezo do programa Leader, aprobáronse un total de 305 proxectos que supoñen un investimento total de 32,7 millóns de euros dos cales 13,2 proceden de subvencións. “No caso do GDR de Pontevedra, son un total de 37 os proxectos que se levaron a cabo cun investimento de 4,5 millóns de euros dos cales, 2 corresponderán a axudas públicas”, engadiu o delegado territorial.
En total, estes proxectos consolidaron un total de 604 postos de traballo, 173 deles son novos empregos. No caso do GDR de Pontevedra-Morrazo trátase de 147 postos de traballo, 23 deles de nova creación.
O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.
Para asegurar esa participación creáronse os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento. Os proxectos soen ser de natureza produtiva, orientados a xeración de emprego e riqueza, ou non produtivos, que perseguen a dotación de servizos e equipamentos.











