publicidade hoxe

Cores Tourís destaca o valor do sector forestal na súa visita ao Concello de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Madeiras Torreira

Cores Tourís na visita a Madeiras Torreira

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Madeiras Torreira de Agolada en compaña do alcalde da localidade, Ramiro Varela, co obxectivo de coñecer a súa actividade, destacando a importancia do sector forestal na economía da comarca do Deza-Tabeirós.

Segundo apuntou o delegado territorial, esta firma é unha das beneficiadas polas axudas que a Consellería de Medio Rural e do Mar acaba de facer públicas e que teñen como obxectivo o impulso da modernización e innovación tecnolóxica das empresas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais na provincia.

“Estas axudas”, explicou Cores Tourís, “cofinanciadas con fondos europeos Feader, permitiron aportar case 3,6 millóns a 50 empresas da provincia de Pontevedra dos sectores do viño a carne, o leite e a madeira, como é o caso de Madeiras Torreira”.

Madeiras Torreira foi fundada en 1992 por Arturo Torreira Vilariño tras toda unha vida dedicada ao sector forestal. No ano 1999 construíuse o actual serradoiro de Agolada, no que se traballa con madeiras nobles como o carballo ou o castaño.

De feito, segundo explicaron os responsables da firma ao delegado territorial, a súa principal produción é a das travesas do ferrocarril que se realiza con madeira de carballo e que se distribúe as principais firmas de construción de vías do país. Madeiras Torreira distribúe así anualmente, de media, 15.000 unidades de travesas. A súa produción tamén contempla a execución de madeira para a restauración de vivendas, o que soe executarse con castaño.

A subvención de case 9.000 euros aportada pola Consellería de Medio Rural e do Mar estará destinada a compra de nova maquinaria para a modernización do serradoiro que a firma ten en Agolada.

O delegado territorial aproveitou a visita a esta empresa para recordar a importancia do sector forestal non só na comarca do Deza-Tabeirós senón tamén en toda Galicia. “O futuro da nosa comunidade autónoma”, afirmou, “pasa por un monte produtivo que permita aumentar a superficie arborada e ben xestionada o que permitiría un escenario positivo de cara a próxima década na que se xeren 38.760 empregos director e se facture máis de 4.000 millóns de euros ao ano”.

Na actualidade, segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, os empregos directos deste sector superan os 20.000 e os indirectos os 50.000. “De feito, o 6,6% da poboación activa galega traballa neste eido”. Galicia conta con 3.000 empresas do sector da madeira, o 37% das cales pertencen á primeira transformación e o 63% restante á segunda. A produción anual superou os 1.625 millóns de euros en 2012, dos cales 688 corresponderon as exportacións.

“En 2012, que son os últimos datos cos que contamos, máis de 54.000 propietarios cortaron madeira en Galicia”, explicou o delegado territorial. “Esto ven a demostrar que o 7% das familias galegas percibiron ingresos (máis de 250 millóns de euros) pola venda deste produto e que o monte galego, por tanto, segue sendo un recurso económico para moitas familias neste contexto económico de crise no que nos atopamos”.

Transformador en Basadre

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a súa visita a Agolada para interesarse pola reunión que mantiveron esta mañá os representantes de Gas Natural Unión Fenosa cos veciños afectados polas expropiacións necesarias para a instalación dun transformador e unha liña eléctrica na parroquia de Basadre. De feito, hoxe levouse a cabo o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos necesarios para a execución desta obra.

A reunión tivo lugar no concello de Agolada coa presenza do alcalde da localidade, Ramiro Varela e o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial. Esta nova liña servirá para outorgar máis potencia a esta parroquia onde, dende fai uns anos, estanse a instalar novas explotacións gandeiras de gran tamaño que necesitan máis enerxía eléctrica para o seu mantemento”, explicou o rexedor.

De feito, o alcalde aproveitou a presenza do delegado territorial para agradecerlle o interese da Xunta de Galicia por axilizar a posta en marcha desta nova liña e do transformador, xa que se trata dunha demanda “solicitada polos veciños de Basadre e que permitirá poñer fin as deficiencias do subministro eléctrico nesta zona”.

Para poder executar esta obra, foi necesaria, segundo apuntou Cores Tourís, a redacción dun proxecto que foi posteriormente autorizado por parte de Industria, “que tivo que declarar de utilidade pública a instalación de cara a poder expropiar os terreos necesarios para a súa execución”.

A obra, que dará servizo a máis de 75 veciños, estará lista en febreiro, segundo apuntou, pola súa banda, o xefe territorial de Economía e Industria. O custo da mesma roldará os 62.000 euros que serán asumidos na súa totalidade por Fenosa.

8 de xaneiro de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.