publicidade hoxe

Cores Tourís destaca a importancia do sector cárnico na economía da provincia durante a visita a Chorigal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Chorigal

Cores Tourís na visita a Chorigal

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa cárnica Chorizos de Galicia (Chorigal S.L.) de Pontevedra en compaña do xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois, e o portavoz do PP na localidade, Jacobo Moreira, co obxectivo de coñecer a súa actividade, destacando a importancia do sector da alimentación na economía da provincia.

Segundo apuntou o delegado territorial, esta firma é unha das beneficiadas polas axudas que a Consellería de Medio Rural e do Mar acaba de facer públicas e que teñen como obxectivo o impulso da modernización e innovación tecnolóxica das empresas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais na provincia.

“Estas axudas”, explicou Cores Tourís, “cofinanciadas con fondos europeos Feader, permitiron aportar case 3,6 millóns a 50 empresas da provincia de Pontevedra dos sectores do viño a madeira, o leite e a carne, como é o caso de Chorigal S.L.”.

Esta empresa naceu na década dos 70, coa adquisición dunha carnicería no mercado de Pontevedra pola familia fundadora, construíndo nos anos 80 as primeiras instalacións na parroquia de Cerponzóns. Coa chegada dunha nova xeración, fúndase a sociedade limitada actual, combinando os métodos de fabricación máis artesanais cos mellores e máis avanzados medios tecnolóxicos.

“En Chorigal controlamos dende o orixe todos e cada un dos procesos grazas ao noso sistema de calidade de inocuidade dos alimentos”, explicou o xerente da firma, David Falcón. “Esta é a razón pola que os nosos produtos son sinónimo de calidade e servizo, e a nosa única preocupación é a satisfacción dos nosos clientes”.

Na actualidade conta con 21 traballadores e un volume de negocio que supera os 2,2 millóns de facturación en 2012.

A subvención obtida por parte da Consellería de Medio Rural e do Mar permitiu a esta empresa mellorar o secadoiro de lacóns, a cámara de salgado e o montacargas, ademais de comprar maquinaria complementaria como unha chuleteadora, unha picadora de carne e un furgón isotérmico con equipo de frío. En total, o investimento superou os 347.600 euros dos cales 139.000 corresponderon a esta axuda.

O delegado territorial rematou a visita recordando que o sector da carne e o leite foi, precisamente, un dos grandes beneficiados destas axudas con 1,6 millóns de euros dos 3,6 que se destinaron ao impulso da modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais na provincia.

23 de xaneiro de 2014 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.