Cores Tourís comprobou as melloras realizadas no centro de educación especial de Vilagarcía

Cores Tourís na visita ao centro
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá as melloras executadas no CEE de Vilagarcía onde, nos dous últimos anos, investíronse un total de 117.500 euros para cuestións como a reparación do peche ou a reposición da cuberta.
Nesta visita, Cores Tourís estivo acompañado do xefe territorial de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, da concelleira do ramo na localidade arousana, Rocío Llovo e do director do centro, Xosé Luis Queiruga.
Tal e como puido comprobar o delegado territorial, as obras executadas no Centro de Educación Especial de Vilagarcía supuxeron un investimento global de 117.500 euros, e tiveron como obxectivo, por un lado, a reposición da cuberta por case 45.000 euros, así como, por outra banda, a instalación de fontanería, a reforma da saída de fumes da cociña e a reparación do depósito de gasóleo, unha obra que supuxo un investimento de máis de 37.600 euros. Ademais, tamén se repuxo o peche exterior por un total de 35.000 euros, executando unha cerca con malla metálica galvanizada.
“Para a reposición deste peche”, segundo matizou tecnicamente o xefe territorial de Educación, “foi necesario desmontar o xa existentes, rozar a maleza e protexer as plantas do xardín para evitar danalas ao facer a escavación das zapatas dos novos postes”.
Durante a visita o delegado territorial tamén aproveitou para destacar a gran labor que se desenvolve neste CEE cos nenos “e non tan nenos, porque temos que recordar que neste centro permanecen os rapaces ata os 21 anos”. “Hai que felicitarlles pola gran labor que levan a cabo, polo traballo cos alumnos e, por suposto, pola súa dedicación en pro da integración”, engadiu Cores Tourís.
A concelleira de Educación de Vilagarcía agradeceu as melloras executadas neste centro e destacou a colaboración entre ambas administracións, agradecendo que a Xunta investise no pasado verán máis de 140.000 euros en obras de mellora do CEIP Arealonga, A Lomba e Rubiáns. En concreto, en A Lomba executouse a reparación de alicatados e humidades e no CEIP de Rubiáns, reparáronse os aleiros debido as deficiencias que presentaban.
José Manuel Cores Tourís, pola súa banda, destacou o orzamento destinado a mellorar os centros deste municipio, “case de 1,2 millóns de euros. En concreto, case 780.000 euros en Primaria e 400.000 en secundaria”.











