Convócase a XVII edición do premio de poesía “Concello de Carral”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarralLocal Portada
A-
A+
Presentación do certame poético

Presentación do certame poético

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, co Premio de Poesía Concello de Carral co obxectivo de promover a creación literaria en galego. A décimo sétima edición do certame foi presentada esta mañá na localidade coruñesa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto co alcalde e a concelleira de Cultura de Carral, José Luis Fernández e Isabel López Pérez.

Durante a presentación, Anxo Lorenzo recordou que “a poesía galega ten unha presenza especial na axenda cultural de Galicia este ano, no que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio a Xosé María Díaz Castro”, e que tamén está presente a través de certames como o Premio de Poesía de Carral, que alentan a creación literaria en galego. “Iniciativas coma esta –engadiu– reflicten a aposta deste concello pola cultura galega e dá boa mostra do importante esforzo que se vén realizando desde o ámbito local, desde os diferentes concellos de Galicia, a prol da nosa cultura”. “Por iso –dixo–, para a Xunta de Galicia é gratificante poder acompañar estas iniciativas e contribuír, na medida das posibilidades, coa súa realización”.

O Concello de Carral, que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística, promove esta iniciativa coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, que tamén está a apoiar outros certames poéticos dirixidos a promover a creación literaria en galego, como o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro; o Gonzalo López Abente, convocado pola fundación que leva o nome do escritor; o Xosé M. López Ardeiro, promovido polo Concello de Negreira; e o Premio de Poesía Novacaixagalicia, unha iniciativa desta fundación e do Centro PEN de Galicia.

Bases da nova edición

O prazo para a presentación de obras orixinais e inéditas, que deberán ter un mínimo de 500 versos e estar escritas en lingua galega, permanecerá aberto ata o próximo 5 de abril. A presentación das pezas mecanografadas farase por triplicado na biblioteca pública municipal de Carral. O xurado avaliador conformarano representantes da corporación municipal e persoas de recoñecido prestixio no ámbito da poesía galega, así como o autor da peza gañadora da pasada edición.

O Premio de Poesía de Carral iniciou a súa andaina en 1997 e hoxe constitúe un dos certames literarios máis prestixiosos de Galicia. Dotado con 2.000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Espiral Maior, ao longo destes anos presentáronse ao concurso arredor de 550 traballos.

Obras gañadoras

No marco deste certame poético levan saído do prelo, desde o ano 1997 e en colaboración con Espiral Maior Edicións, as obras ‘Camiño de píntegas’ (1997), de Fernando Díaz-Castroverde; ‘Atlántida’ (1998), de Rafael Lema; ‘Días de Sherezade’ (1999), de Rafa Villar; ‘Epiderme de estío’ (2000), de Lucía Novás; ‘A árbore da cegueira’ (2001), de Baldo Ramos; ‘Derrotas’ (2002), de Eduardo Estévez; ‘Breviario de Aldemunde’ (2004), de Xurxo Alonso; ‘Cartas do terceiro día’ (2005), de Marcos S. Calveiro; ‘Esteiro de noites falecidas’ (2006), de Isidro Novo; ‘Nadja c’est moi’ (2007), de Xosé Luís Mosquera Camba; ‘Gramática da afirmación’ (2008), de Paulino Peña; ‘Nós escoitando o badalo en Marienplatz’ (2009), de Eli Ríos; ‘As crebas’ (2010), de Miro Villar; ‘Libro das mentiras’ (2011), de Enma Pedreira, e ‘Teatro’ (2012), de Roi Vidal Ponte.

A última obra gañadora, ‘Cronoloxía da urxencia’ (2013), de Dores Tembrás, presentarase no marco do acto de entrega ao gañador ou gañadora da edición de 2014, o próximo 30 de maio.
 

27 de xaneiro de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.