Consensúase con comerciantes, hostaleiros e veciños o plan de reordenación do tráfico nas rúas do centro de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol activará un plan de reordenación do tráfico e do estacionamento nas rúas do centro da cidade elaborado de maneira coordinada cos veciños, hostaleiros e comerciantes da zona co obxectivo de que o resultado final concite a maior consonancia de intereses entre as diferentes partes directamente afectadas polas medidas a implantar de maneira progresiva. A administración local, a través da Concellería de Seguridade e Mobilidade e a Policía Municipal leva meses traballando neste plan de mellora da circulación rodada xunto coa Asociación de Veciños da Zona Centro, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca e a Asociación de Comerciantes de Ferrol – Centro Comercial Aberto da Magdalena. A proposta definitiva alcanzouse nunha xuntanza celebrada a última hora desta tarde na Casa Consistorial, en que se pechou un plan definitivo partindo dunha proposta inicial que o Concello entregou aos diferentes colectivos o pasado mes de decembro para que a estudaran e fixeran as súas achegas e suxestións.

Así as cousas, e unha vez tidas en conta as propostas veciñais, de comerciantes e hostaleiros viables –segundo os criterios da Policía Municipal-, o plan de reordenación acordado contempla os seguintes puntos:

-Reábrense ao tráfico rodado os treitos das rúas María e Magdalena hoxe en día pechadas aos vehículos, así como a totalidade de Pardo Baixo. Nestas zonas permitirase a instalación de cadeiras e mesas por parte dos establecementos de hostalería en Semana Santa e nos meses de verán, coincidindo coas festas da cidade

-Rúa Real: Permítese a circulación de vehículos no treito comprendido entre as rúas Rubalcava e Lugo, en horario de 23.00 a 11.00 horas, homoxeneizando así a situación ao que acontece no resto da rúa Real. (Ë dicir, soamente seguirá prohibida a circulación no treito da rúa Real máis próximo á praza de España).

-Aparcamento libre en superficie: O plan reserva zonas de aparcamento gratuíto para residentes no centro urbano. De luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas convivirán o estacionamento exprés (de até un máximo de 30 minutos), estacionamento para residentes e o de zona azul (gratuíta). Os sábados, o horario regulado será de 10.00 a 14.00 horas.

-Carga e descarga: Mantense nos mesmos termos que na actualidade pero cunha limitación temporal de 90 minutos.

21 de xaneiro de 2014 | 10:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.