Confirmada a reparación da cuberta do IES Sánchez Cantón de Pontevedra
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do IES Sánchez Cantón onde comprometeu unha próxima intervención co obxectivo de reparar os danos da cuberta.
O centro
Acompañado polo director do centro, Eladio Otero López, polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, o conselleiro percorreu o centro onde comprobou os efectos das inclemencias meteorolóxicas sobre as instalacións. Durante o percorrido Vázquez Abad confirmou a próxima reparación dos teitos de uralita afectados polas intensas choivas e sarabia de comezos de ano, así como da mellora do falso teito, nas áreas apartadas polas humidades derivadas desas augas.
No centro, no que estudan preto de 950 alumnas e alumnos, a Consellería de Cultura e Educación leva investidos preto de 220.000 euros nos últimos anos, a través de achegas para a Biblioteca –integrada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares–, o proxecto Abalar, actuacións na pista polideportiva, dotacións xerais no centro, melloras na accesibilidade, ademais doutras obras relativas á súa iluminación.
Encontro co alumnado
Ademais o conselleiro mantivo un encontro co profesorado e alumnado que ven de ser recoñecido co Premio Nacional de Educación 2013. Un galardón na categoría de equipos docentes co premio nacional para o Uso das TIC como apoio á personalización da Aprendizaxe en Educación Secundaria sobre o que o conselleiro sinalou que “quero felicitar a todos os que traballaron e seguen traballando neste proxecto, e sobre todo gustaríame recoñecer a implicación e dedicación dos docentes. Grazas ao esforzo conxunto os centros galegos están a lograr recoñecementos nacionais que dan conta do bo facer de todos os equipos”.
Xunto a este instituto tamén foi recoñecido o labor educativo desenvolvido nos IES de Ames, o CEIP Frián-Teis (Vigo) e o Colexio Internacional SEK Atlántico de Pontevedra. Por este último centro tamén pasou hoxe o conselleiro con motivo de saudar aos estudantes que foron recoñecidos con dito Premio Nacional de Educación 2013.
Cómpre destacar que comunidade galega concentrou o 20% destes galardóns nacionais (en total se conceden 22). Estes recoñecementos fanse o labor e a traxectoria educativa así como a dos proxectos educativos que contribúen á mellora da calidade da educación distinguindo aos centros docentes, á carreira académica de investigación e á innovación educativa, así como a entidades para a promoción educativa e a equipos docentes.











