Conde participa nun encontro de traballo cos empresarios do Polígono da Grela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a iniciativa e o esforzo do empresariado coruñés para a dinamización económica da zona. Conde, que participou nun encontro de traballo con empresarios organizado en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia na sede da Asociación de Empresarios do Polígono da Grela, destacou o obxectivo de “trasladar os bos indicadores económicos ás empresas e ás familias”. Con este fin, subliñou que a Consellería arrancou o ano poñendo á disposición das pemes preto de 45 millóns de euros en programas de axudas cos que se aspira a mobilizar máis de 120 millóns en Galicia.

O conselleiro asegurou que estamos a vivir un cambio de paradigma desde o punto de vista político, social e económico, e resaltou a oportunidade de instaurar un novo modelo produtivo asentado na competitividade e na internacionalización.

Para iso, resaltou os apoios da Consellería para impulsar os grandes investimentos empresariais, favorecer a posta en marcha de novas empresas ou apoiar a consolidación das xa existentes, respaldar o avance das empresas galegas en novos mercados ou fomentar o desenvolvemento de proxectos innovadores.

Conde, que estivo acompañado pola delegada da Xunta, Belén do Campo, e o director do Igape, Javier Aguilera, trasladou aos empresarios o compromiso da Xunta de que “ningún proxecto viable quedará sen desenvolver”. O conselleiro destacou a necesidade non só de poñer en marcha novos programas, senón tamén o deseño de actuacións e estratexias no novo horizonte 2014-2020.

Neste sentido, a Xunta vén de elaborar a Estratexia de Especialización Intelixente para Galicia (RIS3), que permitirá mobilizar 1.600 millóns entre fondos europeos e privados ata 2020 en proxectos innovadores.

31 de xaneiro de 2014 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.