Concerto pola paz do Conservatorio de Verín
A Casa da Cultura de Verín acollerá mañá sábado, a partir das 19 horas, un Concerto pola Paz no que actuará alumnado do Conservatorio Elemental de Música de Verín.
O acto, organizado polo centro, enmárcase nas celebracións do Día Escolar da Non Violencia (30 de xaneiro), que reivindica a necesidade de educar na tolerancia, na solidariedade, no respecto aos Dereitos Humanos, na non violencia e na paz.
O repertorio do Concerto pola Paz está composto de temas identificados coa non violencia ou a liberdade creativa. O popular Imagine de John Lennon será interpretado, en adaptación para grupo de corda pulsada do profesor de guitarra, José Manuel Salgado, por un grupo de alumnos dese instrumento. O Himno á alegría, do movemento final da Novena Sinfonía de Beethoven, inspirado na Oda á alegría de Schiller, será outro dos temas que se escoitarán.
Ademais do Grupo de Corda Pulsada (Guitarra), actuará a Banda do Conservatorio de Verín, presentando un percorrido pola música popular e de autor da diversidade cultural do planeta. Esta agrupación, que presenta adaptacións realizadas polo seu director, Nicanor Domínguez, está formada por alumnos e ex-alumnos das especialidades de vento madeira, vento metal e tecla.
Como contrapunto ás interpretacións exclusivamente musicais, alumnos de piano lerán textos da súa autoría ou poemas alusivos á paz, con acompañamento instrumental de compañeiros da súa especialidade.











