Concello da Laracha, Xunta e Acsil desenvolverán unha campaña para potenciar o carné xove
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira da área de mocidade, Patricia Bello, e a responsable da Oficina Municipal de Información Xuvenil, Belén Cabeza, recibiron no Salón de Plenos a Borja Rubio, representante da rede de dinamización da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e ás directivas da Asociación de Comercio, Servizos e Industria da Laracha (ACSIL) Concha Iglesias e Mari Carmen Fraga nunha reunión dirixida a expoñer as diferentes liñas de actuación que, coa cooperación entre tres entidades, se porán en marcha para tratar de potenciar a presenza do carné xove no municipio.
O carné xove é unha tarxeta dirixida a mozos maiores de doce anos de idade e menores de trinta coa que poden obterse descontos e vantaxes en entidades colaboradoras tanto en Galicia como no resto de España e mesmo en 40 países europeos. Descontos no prezo de medios de transporte, entradas a museos e cine, así como compras e servizos en diversidade de establecementos comerciais de diferentes sectores son os principais beneficios para os usuarios, pero non os únicos, xa que puntualmente se realizan sorteos e ofertas especiais que se comunican por medio da web xuventude.net.
Tal e como se acordou na reunión celebrada este mediodía, durante os próximos meses levarase a cabo no municipio unha campaña dirixida a alcanzar dous obxectivos esenciais: incrementar a cifra de usuarios desta tarxeta e aumentar o número de establecementos comerciais adheridos ao programa.
Así, o Concello da Laracha informará aos mozos sobre os beneficios de dispoñer do carné xove. Será a través da web municipal (www.concellolaracha.com), redes sociais e cun vídeo que se difundirá na pantalla do campo da feira de Paiosaco.
Por outra banda, ACSIL encargarase de comunicar aos seus socios a apertura de novas opcións comerciais e a captación de posibles clientes que trae consigo a adhesión ao carné xove ofrecendo vantaxes e descontos especiais ás persoas que dispoñan desta tarxeta. Neste sentido, cabe salientar que calquera establecemento pode unirse a este programa, sexa ou non socio de ACSIL.
José Manuel López Varela aportou o dato de que no Concello da Laracha foron tramitadas máis de setecentas solicitudes de tarxetas desde que se puxo en marcha o carné xove. O rexedor municipal considera que reforzar este programa levará consigo beneficios para o sector do comercio local, xa que “incentivará aos mozos a consumir nos establecementos do municipio”.
Tanto os trámites para a realización do carné xove por parte dos mozos de entre doce e trinta anos de idade como os referidos á adhesión dos establecementos comerciais ao programa poden realizarse na Oficina de Información Xuvenil, situada na Casa do Concello da Laracha.











