Concédese o permiso para ampliar o matadoiro do Lago, en Tomiño
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, vén de conceder a empresa Matadero xeral frigorífico Baixomiño, S.L a legalización e ampliación do matadoiro e sala de despeces no lugar do Lago- Figueiro- Ameales, no termo municipal de Tomiño. Na documentación remitida explícase que a actuación para a que se solicita a autorización consiste na regularización de 1.499,59 m² e na ampliación de 460,92 m² de matadoiro e sala de despeces en matadoiro existente.
O planeamento vixente no concello de Tomiño é o Plan Xeral de Ordenación Municipal que tivo aprobación definitiva en marzo de 2001, e segundo este, a parcela obxecto da actuación está clasificada como solo rústico de protección agropecuaria.
O artigo 31 da Lei do Solo (LOUG) recolle o principio xeral que determina que os propietarios de solo rústico terán dereito a gozar e dispoñer deles de conformidade coa natureza e destino rústico daqueles, e establece que deberán destinalos a fins agrícolas, forestais, gandeiros, cinexéticos, ambientais, ou a outros usos vinculados á utilización racional de recursos naturais dentro dos límites que estableza a lexislación sectorial aplicable.
Asemade, a Disposición Transitoria cuarta da Lei do Solo dispón que as construcións executadas en solo rústico ao amparo de licenza urbanística e da preceptiva autorización autonómica poderán manter o uso autorizado, e poderán executarse obras de mellora e reforma das instalacións.
Da documentación remitida polo Concello de Tomiño compróbase que a parcela dispón de todos os servizos urbanísticos necesarios para a actividade e que conta con licenza de obra e de actividade, así como de ampliación. Así a parcela pasa a ocupar unha superficie total de 41.202 m2, onde a superficie construída é de 3.180 m2, o que supón unha ocupación dun 12,95%.
Por último, na resolución remitida pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sinálase que as características tipolóxicas, estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados das edificacións serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno.











