Comezan a funcionar os colectores soterrados situados fronte ao mercado municipal de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Colectores soterrados

Colectores soterrados

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que a partir de hoxe, luns 13 de xaneiro, entran en funcionamento os colectores soterrados de recollida selectiva de lixo (incluíndo dous de residuos orgánicos -contedor verde-, dous de envases -contedor amarelo- e un de papel -contedor azul) situados fronte ao mercado municipal. Segundo explican o Alcalde, Evencio Ferrero, e Luís Lamas (na imaxe cun representante de Urbaser, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo), até o venres manterase este servizo simultaneamente cos colectores antigos situados na rúa Cervantes -e que até o de agora daban servizo ao mercado- para facilitar a transición, pero a partir do sábado unicamente estarán en funcionamento os soterrados. Hai que lembrar que esta actuación estivo incluída nun proxecto de mellora máis amplo para o mercado realizado a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria na que tamén se conta con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Así, ademais da contenerización soterrada, a actuación supuxo a instalación de vídeo cámaras, dunha báscula de repeso e a dotación de novos expositores para o edificio do Mercado Municipal. O orzamento total ascendeu a 46.355 euros, dos que a subvención achegou o 75 por cento: 34.766,25 euros. A empresa encargada de realizar o soterramento foi J.F. Varela, de Sofán.

13 de xaneiro de 2014 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.