Comeza o inventario de estradas e rúas do Carballiño para que se inclúan no convenio coa Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO CarballiñoOurense
A-
A+

Operarios da Deputación de Ourense e da concellaría de Obras do Carballiño iniciaron esta semana o inventario das rúas e estradas, de titularidade municipal, que se incluirán no convenio asinado co organismo provincial, co obxecto de actuar sobre elas tanto en materia de reparación como de mantemento.

Estes traballos de inventario finalizarán en poucos días. Nos mesmos compróbase en primeiro lugar a titularidade da vía para, posteriormente, recoller datos sobre a mesma tales como anchura, lonxitude e estado. Todos estes datos incluiranse no inventario, outorgando a cada rúa ou estrada unha clave, co fin de facilitar as posteriores actuacións sobre elas.

En total O Carballiño conta cuns 100 quilómetros de vías de titularidade municipal, incluíndo tanto as urbanas como as da zona rural e as parroquias.

En convenio asinado coa Deputación provincial vai permitir o arranxo e, o que é máis importante, o mantemento de todas estas vías, con custo mínimo para as arcas municipais xa que será o organismo provincial o encargado de achegar a man de obra e maquinaria necesaria para estes traballos, sendo a achega municipal o material necesario para os mesmos.

Precisamente a falta de recursos dos concellos é o que impedía o arranxo das rúas e estradas coa celeridade que querían os gobernantes e que demandaban os usuarios. Agora este tipo de actuacións poderán realizarse dunha forma máis rápida e eficaz.

14 de xaneiro de 2014 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.