Comeza o acondicionamento do entorno da Ponte de Lapido tras verse afectada polos temporais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Limpeza da ponte

Limpeza da ponte

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Atención e Mediación Parroquial, María Carmen Verde, visitaron esta mañá o entorno de Ponte Lapido, onde operarios enviados por Augas de Galicia traballan na retirada da madeira apilada no entorno da ponte debido ás consecuencias da subida do nivel do río e dos temporais. Os traballadores atópanse retirando os restos de madeira acumulados no dominio hidráulico, cortándoos e transportándoos fóra da zona. Ademais, sacarán do río as pedras da ponte que foron desprazadas pola acción da auga e que se atopan no cauce.

No marco das actuacións levadas a cabo polo Concello de Ames para solventar as consecuencias dos diferentes temporais no municipio, o Executivo solicitoulle no pasado mes de decembro a Augas de Galicia a retirada de madeira apilada no río ao seu paso pola ponte existente nas inmediacións da área recreativa de Lapido-Ortoño. Augas de Galicia xa lle avanzara ao Concello que, en canto mellorasen as condicións de seguridade na zona, retiraríase o material que estaba a impedir a normal circulación das augas neste punto en concreto.

Pola súa banda, o Concello de Ames levará a cabo unha actuación en Ponte Lapido, acometendo unha solución que perdure no tempo, xa que as pedras da parte superior da ponte  foron colocadas polo Concello o pasado mes de novembro e agora atópanse de novo desprazadas pola acción da forza das augas. O obxectivo dos traballos que acometerá o Concello será dotar a esta infraestrutura dunha solución que impida que as augas volvan a causar desperfectos nas pedras.

23 de xaneiro de 2014 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.