Comeza en Lalín o clasificatorio para o Europeo Xuvenil Masculino de Balonmán
Mañá comezará en Lalín o Clasificatorio para o Europeo Xuvenil Masculino, no que a selección española buscará unha praza para o Europeo de Polonia. O combinado español, con catro galegos, xogará o primeiro partido contra a República Checa (20:30 horas, Lalín Area, entrada gratuíta).
A Fase Clasificatoria comezará coa celebración do choque Ucraína- Lituania (18:30 horas) e a continuación será o momento do debut da selección española. O combinado nacional chegou a Lalín hai dous días e está a se recuperar do tremendo esforzo físico realizado polos xogadores no Campionato de España celebrado en Asturias a pasada semana. Precisamente ese é o principal temor do equipo técnico dirixido por Alberto Suárez, xa que os xogadores están moi cansos (seis partidos en seis días) e con algúns golpes. É máis, por lesións producidas no torneo estatal houbo dúas baixas no último momento.
Onte houbo sesión de recuperación para os xogadores pola mañá no spa e unha suave sesión de traballo pola tarde. E hoxe volveron adestrar no Lalín Area. O seleccionador explicou que non coñecen en exceso aos rivais xa que non disputarán ningunha fase previa pero son países onde se xoga ben ao balonmán, así que non será sinxelo. Pero o que máis lle preocupa é a resposta física dos seus xogadores, “pero xogamos en casa e coa axuda do público, alcanzaremos o obxectivo”. Hai que destacar que na convocatoria da selección española figuran catro xogadores galegos, dous deles do BM Lalín. Os convocados son o porteiro Xoan Ledo (BM Lalín), o central Román Pedreira (BM Lalín), o lateral esquerdo Borja Méndez e o lateral destro Rubén Río (Artabro). É dicir, o 25 por cento da convocatoria española é galega. No clasificatorio, que se disputará de venres a domingo, participarán España, República Checa, Ucraína e Lituania e os dous primeiros clasificados lograrán a súa praza para disputar o Campionato de Europa.











