Clausúranse as xornadas TDAH do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Clausura das xornadas

Clausura das xornadas

Este medio día as “Xornadas sobre o Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade do Morrazo” chegaron ao seu fin despois de dous intensos días nos que os preto de 400 profesores e profesoras asistentes de toda a provincia recibiron nocións e charlas sobre a forma de actuar ante este trastono que afecta a preto do 6% da poboación escolar.

A sesión de hoxe comezou  ás 09:00 horas coa presentación do traballo desenvolvido ao longo deste  ano sobre o TDAH e as perspectivas de futuro. Ás 10:00 horas comezou a conferencia  estelar destas xornadas “A repercusión do modelo educativo español nas funcións educativas do alumnado con TDAH” impartida por Carolina Castellano Villafañe do Centro CADE de Madrid. Tras unha pausa, entre ás 11.30 e ás 13.30 realizáronse unha serie de talleres nos que se abordarán a problemática e as pautas de intervención a seguir en E. Infantil, Primaria e Secundaria en relación co TDAH. O taller de Educación Infantil foi impartido pola pedagoga e colaboradora de ANHIDA Coruña Mª Luísa Abad Abad, o de Educación Primaria estivo a cargo do xefe de departamento de Orientación do CEIP Sofía Casanova da Coruña Antonio Alberto Veleiro Viladal e o de Educación Secundaria por conta da xefa do departamento de orientación do CPI José Mª de Mende de Ourense, Berta Pérez Sánchez. Finalmente realizouse un taller xenérico denominado “TDAH: que podemos facer na aula. O rol do profesor como ferramenta de proceso” a cargo do psicólogo de ANHIDA Vigo Cesar Álvarez Vázquez.

Antes da clausura do evento os participantes e os organizadores reuníronse para extraer as conclusións sobre estes dous días de formación entre as que destacan a importancia de traballar con grupos reducidos, o papel do profesor ou profesora como mediador entre o alumno ou alumna afectado e a familia, a necesitade de manter lazos afectivos cos alumnos con este trastorno, e sobre todo a realiación de plans de traballo individualizados que recollan por escrito os puntos que funcionan así coma as adaptacións curriculares no caso de ser preciso.

O acto foi clausurado polo Xefe territorial de Educación de Pontevedra Cesar A. Pérez Ares e o Alcalde de Cangas José Enrique Sotelo. Ares quixo facer fincapé na importancia de formar ao profesorado en materias coma estas que sirven para mellorar a calidade educacional dos alumnos, sobre todo os que padecen este tipo de trastornos. Así mesmo, apoveitou para agradecer aos organizadores destas xornadas, aos equipos directivos dos centros de O Morrazo e ao equipo de inspección o seu traballo e declarou que continuará apostanto por estas iniciativas. Pola súa parte José Enrique Sotelo, antes de clausurar oficialmente o acto, declarou que espera que estas xornadas servisen para facer esta problemática máis accesible e que desexa que o protocolo de actuación e coordinación que se presentou estes día poida ser aplicado de forma positiva no menor tempo posible.

25 de xaneiro de 2014 | 20:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.