Cinco proxectos de transformación de produtos agrarios e forestais en Vigo percibirán unha achega de 100.000 euros

Bravo Bosh na visita a unha adega en Salvaterra de Miño
A Consellería do Medio Rural e do Mar destina este ano un total de 100.477,7 euros a cinco proxectos de transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais que se van a realizar en empresas dos municipios de Vigo, Cangas, Mos e Salvaterra de Miño.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá a adega A Gaviñeira SL, en Salvaterra de Miño, empresa que explota unha prantación de 7,4 hectáreas de viñedo da variedade albariño acollida á D.O. Rías Baixas, e que conta cun dos cinco proxectos beneficiarios para a área de Vigo.
Así, esta empresa vén de recibir unha subvención de máis de 41.000 euros (41.104,44) ao abeiro da Orde de axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais do período 2007-2013 e que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e convocadas para o actual exercicio orzamentario.
Acompañada polo responsable da empresa, Clemente Sequeiros, e xunto á tenente de alcalde de Salvaterra, Marta Valcarcel, e o xefe territorial do departamento de Medio Rural e do Mar, Miguel Pérez Dubois, Bravo Bosch percorreu a Quinta Gaviñeira e coñeceu o proxecto que pretenden levar a cabo coa axuda outorgada. A iniciativa pasa por mellorar as instalacións e o equipamento co que elaboran o viño D.O. Rías Baixas coa instalación dunha pequena adega nunha antiga edificación que xa teñen acondicionada. Así, a subvención serviralle para adquirir un equipo de frío e cubas isotérmicas co que continuar elaborando “un viño de alta calidade”. É máis, coma aseguran dende a adega, o seu viño xa foi recoñecido con premios en varios concursos ademais de estar dirixido á exportación e comercializarse en restaurantes de alto nivel, tendas e vinotecas gourmet e ter clientes en venda premium.
En Vigo, Cangas, Mos e Salvaterra
Ao abeiro destas subvencións, no ámbito da delegación territorial de Vigo, a Consellería do Medio Rural e do Mar tamén concedeu subvencións a outras catro empresas situadas en Vigo, Cangas, Mos e Salvaterra de Miño.
En Vigo, a empresa VR Fábrica de Embutidos, Salazóns e Curados, SL recibiu unha axuda superior aos 6.000 euros para as súas instalacións e equipamento de elaboración de embutidos; en Cangas, a empresa Rogelio Iglesias e Hijos, SL recibiu case 31.500 euros para panadería industrial; en Mos, a empresa Frutas Sol, obtivo máis de 9.800 euros para melloras tecnolóxicas da industria hortofrutícola e, por último, en Salvaterra do Miño, recibiu axudas a empresa Gaviñeira SL hoxe visitada e, tamén, o Grupo Vinícola Marqués de Varga, SL, cun investimento de case 12.000 euros.
Estas axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais.











