Chega a San Sadurniño “I´ll be Watching You”, un proxecto que analiza os roles de xénero que a música transmite á mocidade
A representación “I´ll be Watching You” / “Hei estar vixiándote” é un espectáculo pedagóxico, lúdico e musical que analisa os roles de xénero a través das cancións de amor na busca de sensibilizar á mocidade ante condutas violentas. O proxecto desenvolverase co alumnado de 3º e 4º da ESO mañá 28 de xaneiro ás 12:00 horas na Casa da Cultura do Concello de San Sadurniño. Consistirá na análise das cancións e produtos musicais que escoita a adolescencia desde unha perspectiva de xénero. Levaranse a cabo distintas actividades creativas e participativas co obxectivo de que, a través da diversión, a mocidade traballe e reforce o seu espírito crítico e sexa consciente da necesidade de actuar para previr situacións que poden desembocar na violencia de xénero.
O proxecto parte dun fragmento da canción de The Police “Every breath you take”, que inclúe a frase “I’ll be watching you” (Heite estar vixiando). Tres palabras que condensan a esencia dunha relación na que un home quere manter o control sobre unha muller. Porén, esta non é a única peza que lanza unha mensaxe contraria á igualdade de xénero e ao papel da muller no plano afectivo. Beyoncé co seu “If i were a boy” cántalle aos roles estereotipados, o “Te compro a tu novia” de Los Cantantes -tan bailado nas sesións vermú de toda a volta- é unha oda musical á cousificación das mulleres como simples obxectos de intercambio… E así ata once títulos de Andy y Lucas, Amaral, James Blunt ou os Herdeiros da Crus, entre outros, versioneados nesta obra teatral por Patricia de Lorenzo e Manuel Cebrián.
Os dous compoñentes de Chévere métense na pel dunha cantante e un músico de pachanga que entre peza e peza nos lanzan a súa análise das relacións de parella, do home e/ou da muller ideal, do modelo de home e de muller, do namoramento, da paixón, dos ideais románticos, dos ciumes, da posesión e da sempre perniciosa dependencia. Trátase de cancións que expresan a historia emocional dunha xeración, que evocan os inicios no mundo das relacións amorosas, que educan o comportamento afectivo e que, en moitas ocasións, están transmitindo valores que fomentan a desigualdade entre homes e mulleres e perpetúan os prexuízos sobre hábitos sexuais ou favorecen falsos ideais románticos.
A representación I´ll be Watching You enmárcase no acordo de colaboración entre a Vicepresidencia da Xunta -a través da Secretaría Xeral da Igualdade- e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a posta en marcha de diversas actividades que teñen como obxectivo fomentar o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e promovendo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.











