CEO organiza unha conferencia sobre como recuperar a marcha do negocio en tempos de crises
Tras un repaso polo panorama económico, político e financeiro tanto español como provincial, o profesor e consultor Jesús Ferradás ofreceu aos asistentes unha serie de consellos co obxectivo de mostrar como reactivar os seus negocios. Foi no transcurso da conferencia ‘Intelixencia comercial. Reactivarse e recuperar a máquina do negocio. As vendas’, organizada pola CEO en colaboración coa empresa Arte e Comunicacións Avanzadas.
Xullo López e Natalia Valugo, directivos das entidades organizadoras, destacaron nunha intervención previa, por unha banda a oportunidade deste tema nun momento no que, segundo o primeiro, “…desde que asumimos esta crise e as súas consecuencias, sabemos que todo está a cambiar e que se configura un novo escenario para cando salgamos de ela… uns din que xa estamos a punto, outros que aínda nos queda moito por sufrir aínda que pase o peor… mentres tanto, o certo é que sobrevivirán os que se estean adaptando a estes cambios.” Natalia Valugo, pola súa banda, presentou ao relator, un experto en mercadotecnia e vendas formado no Centro Superior de Mercadotecnia de Madrid e que traballou máis de 20 anos na alta dirección en empresas multinacionais.
Segundo Ferradás, a situación actual require unha renovación constante pois non hai cabida no mercado para os modelos de negocio que se estanquen. A clave da economía actual reside en manterse en continuo movemento e actualizados, deixando ao carón o temor ao cambio e comezando a emprender en sectores innovadores e pioneiros. O relator recalcou ademais a importancia de deixar ao carón a oferta de produtos e servizos homoxéneos e optar por diferenciar os produtos para conservar á clientela, argumentando que os negocios que máis se diferencian da competencia son os que finalmente chaman a atención dun consumidor que cada día se volve máis esixente.
Nesta liña, o relator ofreceu unha serie de pautas para que as empresas poidan adaptarse e sacar maior rendibilidade aos seus servizos. Profundou na importancia de manter as mentalidades positivas ao cambio e centrouse tamén na necesidade de vender solucións e non produtos, en innovar ou buscar unha marca representativa que sirva de apoio para revalorizar o produto final. Por último, fixo fincapé na importancia de sacar o máximo proveito ás novas tecnoloxías pois, baixo o seu punto de vista, son as que favorecen o impulso da produtividade empresarial.