Celébrase en Cangas a II Conferencia de “Ciudad Ciencia”
Esta tarde o salón de plenos do Concello de Cangas acolleu a segunda conferencia do programa de divulgación científica “ Ciudad Ciencia” ao que o municipio está adscrito.
Nesta ocasión, a charla “Alimentos marinos, salud y ciencia”, foi impartida por Lucía Méndez do Instituto de Investigaciones Marinas do CSIC que á súa vez é licenciada en Bioloxía e Ciencia e Teconoloxía dos Alimentos. Actualmente traballa como investigadora predoctoral na Universidade de Santiago de Compostela no departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular.
O Concelleiro de Medio Ambiente Jesús Graña, encargado de presentar á conferenciante, quixo sinal a importacia desta charla nun lugar como Cangas, que se caracteriza por posuír unha gran variedade de pescados e mariscos dentro da súa gastronomía tradicional. As innumerables especies que habitan a nosa ría proporcionan amplios nutrientes, preveñen enfermidades, teñen poucas calorías e cotribúen a unha boa dixestión, resaltou.
Tras abordar a tipoloxía dos alimentos mariños, as súas características ou valor nutritivo que aportan, a ponencia centrouse nos beneficios do consumo de alimentos mariños e os avances no eido da tecnoloxía dos alimentos, que permiten exercer un adecuado control de calidade e mellorar o acceso da poboación a algúns nutrientes presentes neste tipo de produtos. Unha temática especialmente importante dado que os alimentos mariños son os responsables de moitos dos beneficios que se atribúen as dietas mediterránea e atlántica. Este feito, débese fundamentalmente ao seu elevado contido en ácidos graxos poliinsaturados omega -3, moi estudados dende a segunda metade do século XX polos seus efectos beneficiosos sobre a saúde, o crecemento e o desenvolvemento humano.
O crecente interese por este tipo de alimentos, paralelo á evidencia científica que apoia o seu papel na promoción da saúde e na prevención de múltiples enfermidades, facilitou o desenvolvemento dun gran número de técnicas, procesos e metodoloxías analíticas destinadas a garantir a calidade, estabilidade e seguridade dos produtos mariños destinados ao consumo humano así coma a evolución de novas áreas da industria da alimentación que foron abordadas ao longo da conferencia.
Próximas actividades
O programa “Ciudad Ciencia”, organizado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Fundación Obra Social La Caixa, continúa a desenvolverse en Cangas. A próxima actividade enmarcada dentro desta iniciativa que ten como finalidade achegar a ciencia á cidadanía consistirá na exposición “El Universo para que lo descubras” que se exhibirá no Auditorio Municipal de Cangas entre os días 11 e 20 de febreiro.
Todos os interesados en “Ciudad Ciencia” poden acceder a máis información sobre as actividades por medio do web http://www.ciudadciencia.es ao que tamén se pode acceder a través da páxina web do Concello http://www.cangas.org/.











