Catro vitorias galegas durante a primeira xornada do Campionato de España de Balonmán en Asturias
Comezou en Asturias o Campionato de España de Seleccións Territoriais nas categorías infantil, cadete e xuvenil masculinas e femininas con catro vitorias e dúas derrotas para os equipos galegos. Houbo triunfos moi sinxelos coma o dos equipos cadete masculino e feminino, e outros complicados coma o da selección xuvenil masculina, sobre a bucina, contra os anfitrións.
Infantil feminino: Andalucía, 17-Galicia, 15 (descanso, 5-6). Partido tolo co que se pechou a primeira xornada do Campionato de España e derrota para as galegas, que presentaron batalla en todo momento ante o que se perfilaba como o rival máis duro do grupo. O inicio foi moi malo para as galegas que encaixaron un parcial de 5-0 nos minutos iniciais, pero devolveron a moeda ás andaluzas cun 6-0 que as puxo por diante no marcador. Tralo descanso se igualaron as forzas e chegaron ao 13-13 no minuto 18 da segunda metade. Pero dúas exclusións de Galicia, permitiron ao equipo andaluz poñerse por diante e xa non perderon o mando.
Pese a todo, as xogadoras e o corpo técnico están satisfeitos co traballo do equipo e xa pensan no partido de mañá contra Castela a Mancha (16:00 horas) para seguir vivas no torneo.
Infantil masculino: Canarias, 24-Galicia, 34 (descanso, 14-15). O partido comezou igualado ata o 3-3 (min. 5). Despois, Galicia logrou poñerse por diante no marcador , acadando a máxima vantaxe no minuto 22 (10-15). Pero a partir deste intre, o equipo galego perdeu a concentración e Canarias logrou un parcial de 5-0, que lle permitiu acadar o empate no marcador (15-15, min. 31). Curiosamente, este susto provocou a reacción dos galegos que apertaron en defensa e corrixiron as perdas de balón e lograron irse xa con moita facilidade no marcador ata alcanzar eses dez goles de vantaxe finais.
Mañá Galicia xogará contra Castela e León (11:15 horas). Ambos conxuntos gañaron na primeira xornada.
Cadete feminino: Melilla, 7- Galicia, 43 (descanso, 4-20). A selección galega cadete feminina comezou o campionato de España de Seleccións Territoriais Asturias 2014 cun amplo triunfo fronte a unha débil Melilla (7-43). Era o esperado para o conxunto galego, que comeza o torneo na Copa de España pero con toda a ilusión do mundo de dar a sorpresa para plantarse nos cuartos.
O partido non tivo moita historia. Dende o inicio as diferenzas foron evidente, cun parcial de 0-8 a favor das galegas (min. 15) así, ao descanso o partido estaba completamente decidido (4-20). Aínda así, Galicia aproveitou para facer probas e dar minutos a todas as súas xogadoras. A máxima goleadora foi Carmen Pereira, con dez tantos.
Mañá volverá a enfrontarse a Melilla, a partir das 9.30 horas.
Cadete masculino: Galicia, 41- Castela e León, 31 (descanso, 20-17). Triunfo cómodo para o conxunto dirixido por Emilio Pintos aínda que no inicio houbo un pequeno susto co parcial de 0-2 para Castela e León. Pero só foi un espellismo, porque Galicia mandou no marcador dende o minuto 6 (4-3) e xa non se deixou superar. Na primeira metade chegaron a alcanzar sete tantos de vantaxe, pero un parcial de 0-5 en catro minutos obrigou ao seleccionador a pedir tempo morto. No descanso, 20-17. Tralo paso polo vestiario, Galicia logrou aumentar a distancia con contragolpes rapidísimos, que sorprenderon aos rivais.
Mañá ás 16:00 horas, Asturias-Galicia.
Xuvenil feminino: Euskadi, 27-Galicia, 22 (descanso, 14-13). A selección galega caeu no primeiro partido do campionato, nun choque moi complicado para as galegas, que sempre foron por detrás no marcador. Comezaron os primeiros dende o pitido inicial, con problemas en ataque. Así, un parcial de 5-1, obrigou ao seleccionador Ismael Martínez pedir o primeiro tempo morto. As rapazas, con moi boa actitude, comezaron a remontar. Gol a gol, ían achegándose no marcador ata logralo primeiro empate (7-7, minuto 19), pero unha exclusión a continuación, permitiu ás vascas volver a escaparse no marcador. Ao descanso, Galicia só estaba un gol abaixo (14-13), e na segunda parte, o guión foi similar: Sempre por detrás, recortando distancias e incluso lograron poñerse por diante (15-16, min. 7). Pero, a continuación encaixaron un parcial de 4-0 e outra vez tocaba remontar. O último empate foi no minuto 50 (21-21), pero un novo parcial contundente para as vascas acabou coas ilusións das galegas. As exclusións foron decisivas (as galegas quedaron en inferioridade ata en sete ocasións), así coma as once sinalizacións de sete metros en contra.
Mañá, Galicia-Andalucía (11:15 horas).
Xuvenil masculino: Galicia, 30-Asturias, 29. Un gol de Rubén Río sobre a bucina dende os 9 metros outorgou a Galicia a primeira vitoria do Campionato de España fronte ao equipo anfitrión. Resulta complicado explicar o final, porque Galicia dominou o partido dende o inicio, con vantaxes moi amplas. Ao descanso, o resultado era claro: 17-10. E na segunda parte, o panorama non cambiou en exceso. Galicia mandaba con autoridade e no minuto 44 o resultado reflectía a superioridade existente (25-18). Pero aí quedou estancado o conxunto galego, e Asturias, co apoio dos seus seguidores, foron remontando ata lograr o empate a falta de 30 segundos (29-29). Tempo morto de Galicia e gol de Rubén sobre a bucina.
Mañá, outro duro rival: Galicia-Cataluña (16:00 horas).











