Catro mocións do BNG ocuparán gran parte do primeiro pleno do ano en San Sadurniño
A orde do día da sesión está composta por oito puntos. Na parte dispositiva só se votará a aprobación da acta do último pleno e a toma de coñecemento sobre o estado de tramitación das facturas correspondentes aos dous últimos trimestres de 2013. Porén na segunda parte do pleno -a de actuacións de control- incorpora ao debate outros seis asuntos dos que catro son mocións presentadas polo grupo municipal do BNG.
A primeira moción céntrase unha vez máis no rexeitamento nacionalista ás intencións da Xunta de Galicia de subirlles aos concellos o canon por tratar o lixo en SOGAMA. O BNG pide que o goberno autonómico non execute nos orzamentos deste ano o incremento previsto e que calquera modificación que se queira facer estea avalada polo consenso coa FEGAMP. Por último os nacionalistas instan á Xunta a que se revise o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 deixando a un lado a ampliación da planta incineradora de Cerceda e apostando por un modelo baseado na compostaxe e na reciclaxe en plantas máis pequenas de alcance comarcal.
A segunda moción que presentará o BNG diríxese á Deputación da Coruña e, máis concretamente, ao Plan DTC93 que o organismo provincial porá en marcha este ano para colaborar cos concellos na realización de distintos investimentos. O BNG quéixase de que os criterios de distribución dos fondos favorecen as grandes cidades en detrimento dos concellos medianos e pequenos. A este respecto o Bloque quere alcanzar o compromiso unánime do pleno para reclamarlle á Deputación que se modifiquen puntualmente as bases do Plan DTC93 de cara a que os criterios de reparto sexan os mesmos que os do POS, programa este último que historicamente contou co consenso de todos os grupos con presenza no organismo provincial.
En relación coa distribución de fondos, o BNG tamén asina unha moción relativa á convocatoria de 2014 de axudas provinciais para contratar animadores culturais e deportivos e para conservatorios e escolas de música e danza. O grupo municipal nacionalista asegura que en 2013 a asignación das subvencións “incumpriu” os criterios establecidos nas bases e achega datos estatísticos sobre un reparto que foi, segundo o BNG, “claramente discriminatorio cos municipios gobernados por forzas políticas diferentes ao PP”. De acordo con esta información, o BNG propón que se establezan axudas fixas para cada concello que solicite subvención: 7.500 euros para contratar animadores culturais e técnicos deportivos, 20.000 para conservatorios de música e 10.000 para concellos que soliciten subvencións para escolas de música e danza.
A última moción presentada en prazo para a súa incorporación á orde do día do pleno debaterá sobre a modificación da lei do aborto. O BNG presenta un texto co que se busca que a Xunta demande do goberno estatal que se manteña a actual lei do 2010. Tamén se insta á Xunta a que garanta este dereito das mulleres en toda a rede de hospitais públicos e a eliminar da información previa que se facilite calquera referenza á Red Madre, unha fundación abertamente antiabortista impulsada polo Foro Español da Familia. Na mesma liña propónselle á Xunta que se inicien campañas de formación e información sobre métodos anticonceptivos que eviten embarazos non desexados. Por último, o BNG pide o apoio para poñer en marcha a través da área de Igualdade unha campaña de información e divulgación sobre a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
A orde do día do pleno ordinario deste sábado pechará co apartado de rogos e preguntas. Cómpre lembrar que as sesións son públicas e que calquera veciño ou veciña pode intervir -sempre que o solicite formalmente- despois de que se debatan os asuntos reflectidos na orde do día.











