Catro galegos compiten no equipo nacional de balonmán por unha praza para o Europeo de Polonia

Presentación dos encontros para o Campionato Europeo de Balonmán
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da fase clasificatoria para o Campionato de Europa 2014 de Balonmán Masculino Xuvenil, que se disputará este fin de semana en Lalín e na que competirán catro xogadores galegos: o porteiro Xoán M. Ledo e o central Román Pedreira, ambos os dous do Club BM Lalín, Borja Méndez, da Unión BM Lavadores, e o lateral dereito Rubén Río, da Asociación BM Ártabro, convocado por primeira vez para defender as cores da selección española.
Na súa intervención no acto, Lete Lasa manifestou a súa satisfacción porque Galicia acolla unha cita deportiva destas características e subliñou o bo estado do balonmán galego, con cinco clubs de alto nivel patrocinados pola Fundación Deporte Galego na tempada 2012-2013 -cun importe total de 170.000 euros-, un respaldo que previsiblemente chegará a oito clubs na tempada 2013-2014.
Ademais de destacar a convocatoria de catro xogadores galegos ao clasificatorio de Lalín, lembrou que, segundo datos de 2012, o balonmán galego conta con 60 clubs e 5.006 licencias e que se trata da cuarta modalidade deportiva más subvencionada na última convocatoria de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte, con 159.018 euros, obtendo a Federación Galega de Balonmán desde o 2009 unha contía total de 793.272 euros.
O secretario xeral trasladou a súas felicitacións á Federación Galega de Balonmán e ao Concello de Lalín, que ten neste evento unha excelente oportunidade para chegar a miles de seguidores deste deporte en España e en Europa, ademais de reiterar o interese da Xunta en seguir promovendo o deporte a todos os niveis, incluída a celebración de citas de máximo rango competitivo. Lete Lasa manifestou o seu desexo de “que poidamos disfrutar dun evento deportivo á altura das expectativas e do nivel competitivo, que a selección española acade a súa praza para Polonia e que Lalín se encha de seareiros estes días”.
Ademais do secretario xeral, no acto interviñeron o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro, e a deputada de deportes da Deputación de Pontevedra, Begoña Estévez.
O Grupo 4, no que se integra o equipo español, xogará os seis partidos desta fase previa na localidade pontevedresa desde o venres día 10 ata o domingo día 12. Na primeira xornada, os xogadores comandados polo seleccionador nacional Alberto Suárez enfrontaranse á República Checa ás 20,30 horas, mentres que o sábado farano contra Ucrania ás 18,30 horas e o domingo mediranse ante Lituania ás 18,30 horas.
A fase final do campionato terá lugar en Polonia do 14 ao 24 de agosto. Dos nove grupos que compoñen a fase previa e na que se integran as seleccións de 34 estados europeos, clasificaranse para a final os dous primeiros dos grupos 1 ao 6, e o primeiro dos grupos 7, 8 e 9, ademais do equipo do país organizador, Polonia.











