publicidade hoxe

Castrelo de Miño organiza unha xornada sobre o futuro do Complexo de Turismo Náutico da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastrelo de Miño
A-
A+

O 31 de decembro de 2013 finalizou a concesión da cafetería-restaurante sita no edificio do Parque Náutico de Castrelo de Miño de propiedade municipal.

Nestes intres o equipo de goberno está redactando as bases para proceder a realizar un novo concurso.

Desde o Concello, búscase que se produza unha mellora substancial nos servizos prestados e polo tanto, organiza unha xornada para o vindeiro luns 20 de Xaneiro ás 10:30 horas, titulada:

“Repensar o futuro do Complexo de Turismo Náutico de Castrelo de Miño”

A esta xornada asistirán como ponentes destacadas figuras do mundo da hostelería e do turismo de Galicia.

Os temas a abordar serán:

– A sumillería. O papel dos viños, os licores e as augas nun restaurante.

– A restauración. Exemplos de xestión de restaurantes exitosos.

– A importancia da atención e do servizo ao cliente

– Exemplos de xestión Albergues

– Turismo náutico de interior e eventos deportivos

– Importancia do interiorismo na hostelería

Compre lembrar que o Complexo de Turismo Náutico é un edificio de propiedade municipal que consta de Cafetería, Restaurante, Albergue, Comedor, Salon de Actos, Oficina de Turismo, Sala de Exposicións e Terrazas con vistas ao río.

Está situado no centro da principal zona turística de Castrelo de Miño, o Parque Náutico. Nel celébranse grandes eventos deportivos e competicións internacionais de remo, piragüismo, vela, motonáutica… Tamén se celebra cada fin de mes a tradicional Feira de Castrelo. Ao seu redor están situados as piscinas municipais, os pantaláns de acceso ao río, o catamarán municipal, o clube naútico, a biblioteca pública, o centro de novas tecnoloxías…

Nos últimos 4 anos realizáronse importantes obras e melloras de urbanización e axardinamento nunha ampla zona de 10.000 metros cadrados que rodean o edificio en cuestión, mellorando o seu aspecto e as súas condicións para uso e disfrute dos usuarios

A esta xornada están convidadas todas aquelas empresas e particulares que estexan interesado en presentarse ao vindeiro concurso no que se realizará a concesión municipal do uso deste edificio, para que se poidan ir facendo unha idea do que busca o Concello e poidan presentar unha oferta acorde.

Vai ser unha xornada, onde desde o Concello recolleremos tamén todas as opinións e experiencias alí compartidas para redactar unhas bases que recollan e permitan a mellora dos servizos prestados, e se convirta este edificio do Complexo de Turismo Náutico no que sempre debeu ser, o auténtico motor de dinamización turística do Concello de Castrelo de Miño. É o punto de referencia e o primeiro lugar ao que acuden os turistas e visitantes que se achegan e Castrelo de Miño e polo tanto, debe ser un lugar no que o trato recibido sexa exquisito para que os turistas queden con ganas de voltar a visitar Castrelo. Isto favorecerá ao resto do sector comercial e hosteleiro de Castrelo de Miño, xa que se conseguirá a atracción de máis visitantes e polo tanto máis consumidores que van repetir a visita a Castrelo de Miño, tanto ao complexo de turismo náutico como ao resto dos comercios, bares, restaurantes…

17 de xaneiro de 2014 | 10:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.