Case 200 especialistas participan na xornada sobre aforro e eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Case 200 especialistas participaron hoxe na “Xornada técnica sobre aforro e eficiencia enerxética en instalacións industriais”, organizada polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia no edificio CERSIA de Santiago de Compostela. Unhas xornadas que foron inauguradas por Fernando Branco Silva, delegado en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e responsable de Enerxía e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela, quen destacou que “a compra on-line pode aforrar até un 35% en subministración eléctrica aos consumidores industriais”.

Antes de dar paso á primeira mesa, dedicada ao aforro en enerxía eléctrica, Branco Silva sinalou que a liberalización do sector eléctrico “abre unha nova opción coa compra no mercado diario”, que as empresas poden realizar directamente ou a través dos 51 consumidores directos existentes en España que permiten conseguir “unha rebaixa no prezo da enerxía entre un 15% e un 35% sobre o mercado ordinario, xa que ademais de rebaixar o prezo medio do KWh realizáronse pequenos cambios para aproveitar as horas nas que se vende enerxía eléctrica a baixo prezo. É dicir, que optan por consumir enerxía eléctrica facendo ofertas na compra cando esta casa a 0 euros/MWh”.

Aforro na compra de enerxía

Unha idea na que incidiu Joaquín Jarrín, de Xerencia Enerxética, un deses 51 consumidores directos rexistrados en España. Jarrín explicou que as novas modalidades de compra de enerxía eléctrica permiten “axustar a enerxía que compramos á que realmente estamos a consumir nese momento. Hai 6 mercados intradiarios, iso significa que podemos comprar máis enerxía ou renunciar ao consumo segundo as nosas necesidades”.

Jarrín destacou tamén a importancia de que empresas e administracións instalen un sistema de monitorización e control. Así, as industrias galegas poden coñecer o seu consumo enerxético en tempo real e adaptar a súa produción para reducir o consumo de enerxía ou adaptarse ao funcionamento nas horas máis baratas. Os aforros económicos son elevados e o custo nulo para o cliente, xerando unha media de aforro de 49,28 euros cada hora.

Pola súa banda, Pedro Pérez, conselleiro delegado de Ecomanagement Technology SL e Instra Enxeñeiros SL, destacou que “o que non se pode medir non se pode xestionar”, polo que presentou a plataforma de monitorización e control OTEA que permitirá que “os usuarios poden optimizar a eficiencia enerxética dos locais que xestionan, producindo aforros na demanda de enerxía na operación e mantemento, reducindo avarías e detectando anomalías no funcionamento de equipos, todo iso desde unha única plataforma que permite xestionar múltiples locais e instalacións”. Uns aforros que cifrou en 2.000 euros por local ao ano.

Finalmente, Carlos Rivas, responsable de I+D de Elinsa, enumerou distintas solucións técnicas para reducir as perdas eléctricas dunha instalación eléctrica existente ou para a optimización do deseño dunha nova. “Como regra xeral, un correcto mantemento da instalación mellora o consumo”, concluíu.

Aforro en iluminación

A segunda mesa da mañá estivo dedicada ao aforro en iluminación e foi moderada por Roberto Carlos González Fernández, delegado en Vigo do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia. González destacou a elevada porcentaxe de ineficiencia existente en España, moi superior ao do resto de países europeos. Unha situación que fai que “exista un gran potencial de aforro nas empresas e industrias españolas, desde novos equipos máis eficientes até a instalación de sistemas de regulación adecuados”, sinalou. Ademais, lembrou “a importancia dunha boa iluminación dos centros de traballo, que non só se mide en euros senón tamén no confort e a saúde visual dos traballadores”.

Nesta mesa participaron Iago Martínez, xerente de Edison Galicia; César Barreira, responsable da área de Industria en EnergyLab; e Alberto Pérez, responsable de Philips. César Barreira destacou a necesidade de auditorías enerxéticas en iluminación industrial e a importancia de realizar un correcto seguimento dos aforros enerxéticos que proporciona a unha industria a integración das medidas de mellora propostas nos proxectos de eficiencia enerxética.

Eficiencia enerxética

Esta tarde oras celebrarase a terceira e última mesa, moderada por Fernando Branco Silva, delegado en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e director de Dínamo Técnica, denominada. “Eficiencia enerxética na industria e no sector terciario”. Nela participarán Rafael San Martín Madina, xerente da área Industrial, Servizos Enerxéticos e Utilities de Ferrovial Servizos; José Luís García Angulo, membro da xunta directiva de Atecyr Galicia; e Manuel Pisonero, responsable de innovación e desenvolvemento de servizos enerxéticos de Gas Natural Fenosa.

Pisonero presentará a xestión enerxética como elemento de mellora da competitividade das empresas, grazas a unha diminución nos seus custos e un aumento na optimización dos seus recursos. Deste xeito, a xestión enerxética permite aumentar a eficiencia das industrias mediante a renovación e mantemento das instalacións existentes por outras novas de alto rendemento de gas natural ou biomasa, que incrementan o rendemento da instalación e reducen o custo e a emisión de contaminantes.

A “Xornada técnica sobre aforro e eficiencia enerxética en instalacións industriais” foi organizada polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, en colaboración coa revista Dínamo Técnica, e contou co patrocinio de Gas Natural-Unión FENOSA, Philips, Elinsa, Energylab, Ecomt, Ferrovial Servizos, Edigal, Xerencia Enerxética e Atecyr.

30 de xaneiro de 2014 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.