Carballo asina o contrato de servizos enerxéticos coa UTE formada por Ferroser e Ferrovial

Sinatura do acordo enerxético
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Alfonso Clemente, Director en Galicia e Asturias de Ferrovial Servizos e Administracións Locais (AALL) en representación da UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Ferroser e Ferrovial -e que se denominará Xestión enerxética e alumeado público Carballo-UTE- veñen de asinar na Alcaldía da Casa do Concello o “Contrato de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo”.
Despois do acto de sinatura, no que tamén estivo presente o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, celebrouse unha pequena xuntanza, na que participou o técnico municipal José Facal, na que se abordaron algúns detalles da concesión do servizo, como a substitución dos puntos de luz, os próximos pasos que se darán, ou a posibilidade de solicitar axudas a distintos organismos para seguir avanzando no aforro enerxético. Hai que lembrar que o importe da adxudicación é de 796.800 euros ano (IVE incluído) por un período de once anos e nove meses, o que faría un custo total de 9.362.400 euros.
A UTE Ferroser-Ferrovial asumirá, por un lado, a xestión enerxética do Concello, negociando directamente coas empresas para conseguir o mellor prezo posible no subministro; e, por outro, o mantemento e substitución dos 7.500 puntos de luz do municipio por lámpadas LED de baixo consumo. Hai que subliñar, así mesmo, que a adxudicataria ten ofrecido ata 19 melloras sen custo adicional destinadas a incrementar a eficiencia do servizo, tanto no seu funcionamento interno como no que respecta á atención cidadá. Entre outras melloras, hai que sinalar a colocación dun sistema de detección de roubo de cableado eléctrico, ou a instalación dun sistema de detección de presenza de viandantes nos semáforos colocados nos pasos de peóns para mellorar o seu funcionamento.
Así mesmo, a UTE instalará un punto de recarga para vehículos eléctricos e realizará un tratamento anti corrosivo nas luminarias situadas da zona costeira para frear o seu deterioro. Ferroser-Ferrovial asumirá, ademais, a dotación do alumeado festivo durante as celebracións patronais de San Xoán e de Nadal ou a implantación dunha aplicación informática que permita, a través do web municipal, rexistrar os avisos enviados polos veciños e veciñas para alertar do mal funcionamento dos puntos de luz da rede de alumeado.
En materia de promoción da eficiencia enerxética, a proposta inclúe a realización de campañas de sensibilización entre os escolares e a cidadanía, a realización dun curso municipal de xestión enerxética ou a promoción xeral do proxecto entre os veciños e veciñas.











