Carballo acollerá o II Salón ExpoVoda con máis de 30 stands e incrementando o espazo de exposición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballo
A-
A+

O Fórum acolle a fin de semana do 1 e 2 de febreiro Expo Voda, o II Salón de Vodas, Comuñóns e Celebracións de Carballo que chega a esta segunda edición despois do éxito da celebrada en 2013 -cunha asistencia estimada de 5.000 persoas- e incrementando a superficie expositiva. Así o expresa María del Carmen Freire, xerente do Centro Comercial Aberto Carballo (CCA), entidade organizadora da cita coa colaboración do Concello de Carballo, a Dirección Xeral de Comercio e a Deputación da Coruña, entre outras entidades. Freire subliña que outra das novidades é que o desfile de moda terá lugar no exterior para “incrementar a capacidade de asistencia” xa que o ano pasado detectouse que o espazo interior non chegaba para acoller a toda a xente interesada na cita.

A xerente tamén quere destacar a variedade da oferta dos stands, con 30 xa confirmados e á espera de engadir algún máis, para ocupar preto de 500 metros cadrados de superficie. Así, haberá fotógrafos, empresas de animación, karaoke e inchables para nenos, coctelería, empresas de deseño, etc. Como o ano pasado, haberá as degustacións gastronómicas da man de establecementos hostaleiros e increméntase o espazo para comuñóns, xa que no I ExpoVoda espertaron moito interese. Respecto do horario, será ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas, co desfile ás 19.00 horas. O orzamento destinado á organización da cita é de 20.000 euros, ademais de que o Concello cede de forma gratuíta a man de obra da Brigada Municipal, a ocupación do Fórum para o evento e diverso material para axudar na celebración da cita, aforrando a organización o custo que iso suporía. O acceso ao recinto está restrinxido ás invitacións que reparten os establecementos participantes durante os días previos, ou a unha entrada simbólica de 2 € que se pode pagar no momento de acceder ao salón.

O motivo é o de favorecer a asistencia de público realmente interesado na cita. O ano pasado avala o emprego desta fórmula, non só porque, en verbas de Freire, “o 50 por cento dos expositores deste ano xa estiveron na primeira edición” e decidiron repetir, senón tamén porque o público estivo realmente interesado en adquirir moitos dos produtos presentados. O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, subliña que “cando traballamos no primeiro salón consideramos que era algo digno de consolidar” e esta segunda edición avanza cara a ese obxectivo. Para Regueira, esta cita supón algo “positivo para o Concello e para todo o sector comercial de Carballo”, e resalta que o investimento realizado polo Concello “ten retorno na sociedade”. Pola súa banda, o Alcalde, Evencio Ferrero, considera relevante “seguir afondando nas formas de colaboración” do sector comercial e en maneiras de “achegarse ao cliente de forma máis directa”, como ocorre neste tipo de salóns.

17 de xaneiro de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.