Carballo abre o luns o prazo para preinscribirse na Campaña de Esquí 2014 da Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña pon en marcha este ano unha campaña na estación de San Isidro, na provincia de León, para que ata un máximo de 500 rapaces da provincia de entre 10 e 13 anos (nados en 2000, 2001, 2002 e 2003) poidan gozar dunha fin de semana de estadía na neve. Os rapaces e rapazas terán dereito ao aloxamento e a manutención, ademais de aos cursiños de esquí na estación de León. A campaña comeza na fin de semana do 14 ao 16 de febreiro, con entrada na estación o venres pola noite e saída o domingo despois de comer. Serán outras catro quendas máis a partir desa data, con 100 nenos cada unha. Os interesados e interesadas poden presentar o impreso de preinscrición a partir do 20 de xaneiro no Rexistro Xeral de Entrada do Concello de Carballo. No caso en que haxa máis demanda que oferta, ao igual que sucede nas convocatorias dos campamentos de verán, farase un sorteo entre todos os solicitantes. En caso de ser admitido/a, cada participante deberá aboar unha cota de inscrición non superior aos 36 euros.











