Cangas retoma o proxecto de divulgación “Ciudad Ciencia”
O Concello de Cangas retoma o proxecto de divulgación científica “Ciudad Ciencia” coa conferencia “Alimentos marinos, salud y ciencia” que se celebrará no salón de plenos do edificio consistorial o vindeiro 24 de xaneiro ás 20.00 horas.
Esta charla, impartida pola investigadora Lucía Méndez, do Instituto de Investigacións Mariñas (IMM CSIC), tratará sobre os beneficios do consumo de alimentos mariños e os avances no eido da tecnoloxía dos alimentos, que permiten exercer un adecuado control de calidade e mellorar o acceso da poboación a algúns nutrientes presentes neste tipo de produtos.
Esta temática é especialmente importante dado que os alimentos mariños son os responsables de moitos dos beneficios que se atribúen as dietas mediterránea e atlántica. Este feito, débese fundamentalmente ao seu elevado contido en ácidos graxos poliinsaturados omega -3, moi estudados dende a segunda metade do século XX polos seus efectos beneficiosos sobre a saúde, o crecemento e o desenvolvemento humano.
O crecente interese por este tipo de alimentos, paralelo á evidencia científica que apoia o seu papel na promoción da saúde e na prevención de múltiples enfermidades, facilitou o desenvolvemento dun gran número de técnicas, procesos e metodoloxías analíticas destinadas a garantir a calidade, estabilidade e seguridade dos produtos mariños destinados ao consumo humano así coma a evolución de novas áreas da industria da alimentación.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Cangas continúa apostando por este proxecto, que ten como finalidade achegar a ciencia a toda a cidadanía. O Concelleiro responsable de esta área Jesús Graña anima a todos os veciños e veciñas de Cangas a asistir a esta cita de divulgación científica.
Compre salientar que Cangas do Morrazo foi o primeiro municipio galego en adherirse a este proxecto, organizado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Fundación Obra Social La Caixa, no que participan outros 30 concellos de toda España.
Todos os interesados en “Ciudad Ciencia” poden acceder a máis información sobre súas as actividades por medio do web http://www.ciudadciencia.es ao que tamén se pode acceder a través da páxina web do Concello http://www.cangas.org/.











