Cangas presenta a iniciativa “Emprender en Positivo” para asesorar aos emprendedores do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Esta mañá o salón de plenos do Concello de Cangas acolleu a presentación da iniciativa “Emprender en Positivo” enfocada a dar asesoramento e formación ao colectivo de emprendedores do  municipio. O acto, estivo presidido pola concelleira de emprego Berta Pérez, a deputada provincial Begoña Estévez e o director de proxectos da Fundación INCYDE Francisco Navas.

O principal obxectivo deste curso consiste en proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver o plan de empresa ou plan de mellora da empresa, sempre coa axuda das ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha.

Así pois, facilítase a elaboración dun proxecto empresarial, ou a mellora dun xa existente, que pode ser utilizado polo emprendedor ou emprendedora non so como guía de referencia para a posta en marcha ou consolidación do seu negocio, senón que pode servirlle tamén como medio de argumentación da súa viabilidade ante entidades públicas e financeiras.

“Emprender en positivo” dará comezo o vindeiro 10 de febreiro na casa de oficios do Concello de Cangas en horario de 18:00 a 21:00 horas. A súa duración será de 320 horas, repartidas en 8 semanas, das cales 32 horas corresponderán á parte teórico-formativa e as 288 horas restantes estarán destinadas a titorías individuais nas cales se prestará un servizo de asesoramento personalizado e adaptado ás ideas concretas de negocio de cada emprendedor.

A parte formativa será conxunta e impartiranse os contidos xerais do programa, coa finalidade de  proporcionar os coñecementos, ferramentas e habilidades esenciais en cada unha das áreas de coñecemento e promover as sinerxías e intercambios de experiencias  entre os participantes.

En canto ás horas de asesoramento, os profesionais deste curso, asesorarán a cada emprendedor sobre a súa idea e lle indicarán os trámites e accións que teñen que seguir para levala a cabo de forma satisfactoria, de forma que os asistentes consigan pasar de emprendedores a empresarios unha vez finalizado o curso. As áreas nas que se fará especial fincapé durante o asesoramento individual serán consultoría inicial, dirección de proxectos, marketing promoción e comercialización, creatividade innovación e trasferencia de tecnoloxía, aplicacións informáticas xestión da información internet e redes sociais, asesoramento xurídico fiscal, finanzas, igualdade de oportunidades, control de calidade, prevención de riscos laborais e medio ambiente.

Ademais das horas do curso os alumnos terán acceso a un  campus virtual no que obterán o material do curso e demais recursos formativos. Os participantes contarán con dous anos de titorización gratuíta.

Este programa está dirixido a entre 20 e 25 emprendedores que poderán inscribirse, de forma gratuíta,  na oficina da Axencia de Desenvolvemento Local de Cangas, en horario laboral, ou chamando ao teléfono 986301371 ou no enderezo electrónico dlocal@cangas.org e a través da Deputación de Pontevedra en formacionincyde@depo.es . O consultor de INCYDE  realizará unha selección dos proxectos máis viables para a realización do curso o día da inauguración do programa.

Durante a presentación Begoña Estévez aproveitou para destacar que para a Deputación de Pontevedra é un obxectivo prioritario a aposta polo emprego por iso apostan por este tipo de iniciativas grazas a un convenio asinado coa Fundación INCYDE  e financiado a través do Fondo Social Europeo.

Pola súa parte, a concelleira de emprego Berta Pérez quixo destacar que este curso se enmarca  dentro do plan “Cangas proxecto emprende”  e que este é o curso máis importante deste trimestre, sobre todo para o desenvolvemento de todas as iniciativas empresariais que poidan nacer na vila. Así mesmo, quixo agradecer á Deputación de Pontevedra e á Fundación INCYDE  á súa colaboración sen a cal desenvolver este curso non sería posible.

21 de xaneiro de 2014 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.