Cangas inaugura a ampliación do Centro Social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Hoxe ás 16.30 horas celebrouse o acto de inauguración da ampliación do Centro Social. No acto estiveron presentes o alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, a tenente alcalde Berta Pérez, a concelleira de Benestar Social Dolores Gallego e o concelleiro de Facenda Pío Millán. Esta actuación supuxo a ampliación da sala de pintura a cal foi nomeada Antonio Rial, en recoñecemento a este cangués fundador da asociación de persoas maiores afeccionadas a pintura ‘Artepen’ e que faleceu o ano pasado. No evento estiveron presentes tamén o actual presidente de Artepen Ángel Soliño e a viúva do homenaxeado Juana Boubeta, acompañada dos seus fillos e familiares, que foron os encargados de destapar a placa co novo nome da aula nun momento cargado de emoción no que Boubeta agradeceu ao goberno local esta iniciativa de homenaxe ao seu marido. Deseguido o alcalde de Cangas fixo entrega a Boubeta dun agasallo como recordo do acto.

Esta actuación valorada en de 48.223,00 euros e que foi financiada a cargo do Plan de Inversións da Deputación de Pontevedra tamén permitiu a creación de dúas novas salas e dous novos baños. Estas instalacións contan tamén cunha aula de informática, unha biblioteca, un  salón de actos, unha aula de costura, unha sala de xuntas, así como unha cafetería. Para o goberno local esta obra permite mellorar as condicións do espazo adicado aos maiores cangueses, no que se reúnen e realizan multitude de actividades de lecer ao longo de todo o ano.

Para pechar o evento o alcalde José Enrique Sotelo, acompañado do resto de asistentes, realizou unha visita por tódalas instalacións, rematando cunha partida de dominó con un grupo de usuarios.

11 de xaneiro de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.