Cangas acollle o Campionato Galego de Marcha en Ruta
Este mediodía tivo lugar na sede da Fundación Cangas Deporte a presentación do “Campionato Galego de Marcha en Ruta” que se celebrará o sábado día 1 de febreiro no circuíto homologado do porto de Aldán. Ao acto asistiron o concelleiro de deportes Francisco J. Soliño e a presidenta do Club de Atletismo Vila de Cangas Mª Carmen Parada, encargado da organización deste evento deportivo.
A proba disputarase entre as 15.50 e as 18.30 horas e nela estímase que participarán máis dun centenar de atletas de todas as categorías, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior, promesa, sénior e veterán.
Esta proba, conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo, e é clasificatoria para o Campionato de España de Marcha ademais de ser clave para a elección dos compoñentes da Selección Galega.
Esta non é a primeira vez que o Concello de Cangas acolle o este campionato, xa que o pasado ano se realizou por primeira vez no circuíto homologado do porto de Aldán. Este circuíto conta cunha extensión dun quilómetro.
O concelleiro de deportes, en representación da Fundación Cangas Deporte aproveitou a ocasión para felicitar ao club de atletismo Vila de Cangas polo seu traballo á hora de conseguir que esta proba se realizase en Cangas e quixo invitar a todos os veciños e veciñas de Cangas a que acudan este sábado a contemplar esta proba deportiva na que participarán grandes atletas galegos.











