Cangas acollerá as xornadas sobre o TDAH do Morrazo

Presentación das xornadas
Hoxe celebrouse unha acto de presentación das Xornadas sobre o Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) do Morrazo que terá lugar o próximos días 24 e 25 de xaneiro no Auditorio Municipal. No acto estiveron presentes os docentes Alfonso Marcos, Rosana Rúa e Claudio Lamosa en representación da organización desta iniciativa que nace dende os propios centros educativos, “dende os profesionais que están en primeira liña e como resposta a unha necesidade das familias dos nosos centros” sinalan os organizadores, “ademais dunha demanda dos propios docentes aos directores dos distintos centros da comarca con dous obxectivos claros: formar aos profesores e mellorar a coordinación entre os distintos axentes”.
Dende a organización destacan que “estas xornadas naceron das necesidades do profesorado na propia aula, que a súa vez foron canalizadas a través das direccións dos centros cara á inspección educativa que foi quen deu o impulso definitivo para que estas xornadas fosen unha realidade”. A meta desta iniciativa é tratar de analizar e establecer ferramentas útiles para os docentes a hora de traballar con alumnos con este tipo de trastorno que afecta entorno a un 9% da poboación escolar. “Aínda que avanzouse moito na concienciación dos docentes séguese confundindo o feito de que un neno sexa inquieto con que sexa un caso de TDAH” afirman, “os alumnos que teñen este trastorno teñen unha forma de procesar a información diferente e moitas veces o sistema educativo, debido a súa rixidez, non é capaz de dar respostas eficaces a este tipo de casos producíndose problemas na aprendizaxe e no comportamento” engaden, “chocan cun sistema educativo nos que lles costa encaixar desenvolvéndose perfectamente noutros ámbitos” recalcan. Os organizadores sinalan que segundo algúns estudos “entre o 15 e 50% da poboación reclusa presenta este trastorno, este dato non indica que exista predisposición a delinquir senón que constata a carencia dunha resposta social axeitada ante este fenómeno” sosteñen.
Estas xornadas son froito da labor de varias comisións de traballo nas que estiveron presentes diferentes departamentos como o servizo de pediatría, educadores, servizos sociais, para establecer un sistema de detección temperán que á vez permita unha mellor coordinación entre os distintos axentes co fin de ofrecer unha mellor resposta e asesoramento as familias con algún membro con este tipo de trastorno. “Os profesores nos queremos formar para dar respostas axeitadas as familias”, “que teñan un lugar onde dirixirse e ter un asesoramento axeitado” sinalan os organizadores. Por todo isto quixeron agradecer “o esforzo de pediatras e traballadores sociais dos distintos concellos da comarca que nas distintas comisións de traballo que se organizaron ao longo do último ano fixeron tamén que o documento de actuación fose posible”.
Este protocolo será presentado nestas xornadas e comezará a funcionar de xeito inminente nos concellos de Cangas e Vilaboa, coa idea de despois amplialo a máis concellos da comarca. Neste senso cabe salientar que en España só hai seis comunidades autónomas cun protocolo que implique coordinación entre Sanidade e Educación, entre as cales non está Galicia. “Dalgunha maneira queremos adiantarnos aínda que sabemos que dende a consellería estase traballando nesta liña” afirman.
Conferencias e talleres
As xornadas comezarán na tarde do venres 24 cunha conferencia inaugural do recoñecido catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago Dr. Ángel Carracedo que aportará unha perspectiva científica sobre este trastorno. Despois presentarase un informe sobre a incidencia do TDAH no Morrazo así como o protocolo de coordinación, rematando cunha mesa redonda composta polo profesional do servizo de pediatría do Centro de Saúde de Cangas José Pereiro, o especialista en Trastornos da Conducta José Enrique Abalo, o director do Centro Municipal de Benestar Social Estanislao Graña, a inspectora educativa María Rosa Pérez e a xefa do departamento de Orientación do IES Montecarrasco de Cangas Begoña Otero, sendo moderado polo xefe do departamento de Orientación do CEIP San Roque José Antonio Area.
O sábado comezarase coa presentación do traballo desenvolvido e co establecemento de perspectivas de cara ao futuro. Despois terá lugar unha das conferencias estelares destas xornadas sobre ‘A repercusión do modelo educativo español nas funcións educativas do alumnado con TDAH” impartida por Carolina Castellano do Centro CADE de Madrid.
Por último celebraranse cinco talleres, un adicado a educación infantil e impartido pola pedagoga da ANHIDA Mª Luisa Abad no que hai inscritos 68 docentes, dous talleres adicados a educación primaria que serán impartidos polo xefe do departamento de Orientación do CEIP Sofía Casanova de A Coruña nos cales hai inscritos 109 profesores, outro taller sobre a educación secundaria impartido pola xefa do departamento de Orientación do CPI José Mª de Mende de Ourense no que participarán 64 docentes e por último un taller máis xenérico sobre “TDAH: que podemos facer na aula. O rol do profesor como ferramenta de proceso” impartido polo psicólogo de ANHIDA César Álvarez que contará coa presencia de 125 docentes. As xornadas pecharanse ás 13.30 horas coa presentación de conclusións dos distintos talleres.
Nun comezo estimábase unha participación duns 200 docentes cifra que foi amplamente superada para sorpresa dos organizadores con ao redor de 400 participantes confirmados chegados na súa maioría de toda a provincia. Dende a organización amósanse esperanzados co desenvolvemento desta iniciativa xa “os alumnos con TDAH poden converterse nun factor de cambio dos centros educativos mudando a forma de impartir clase” recalcan. A organización tamén queren salientar o apoio e colaboración das distintas administracións, Consellería de Educación, Consellería de Sanidade, Deputación de Pontevedra e o propio Concello de Cangas para a celebración destas xornadas.











