Cangas acolle a conferencia “Alimentos marinos, salud y ciencia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O salón de plenos do Concello de Cangas acollerá mañá venres día 24 de xaneiro ñas 20.00 horas unha nova conferencia do programa “Ciudad Ciencia”.  Nesta ocasión a charla, titulada “Alimentos marinos, salud y ciencia”, será impartida por Lucía Méndez do Instituto de Investigaciones Marinas do CSIC.

Ao longo da conferencia abordaranse temas sobre os beneficios do consumo de alimentos mariños e os avances no eido da tecnoloxía dos alimentos, que permiten exercer un adecuado control de calidade e mellorar o acceso da poboación a algúns nutrientes presentes neste tipo de produtos.

Esta temática é especialmente importante dado que os alimentos mariños son os responsables de moitos dos beneficios que se atribúen as dietas mediterránea e atlántica. Este feito, débese fundamentalmente ao seu elevado contido en ácidos graxos poliinsaturados omega -3, moi estudados dende a segunda metade do século XX polos  seus efectos beneficiosos sobre a saúde, o crecemento e o desenvolvemento humano.

O crecente interese por este tipo de alimentos, paralelo á evidencia científica que apoia o seu papel na promoción da saúde e na prevención de múltiples enfermidades, facilitou o desenvolvemento dun gran número de técnicas, procesos e metodoloxías analíticas destinadas a garantir a calidade, estabilidade e seguridade dos produtos mariños destinados ao consumo humano así coma a evolución de novas áreas da industria da alimentación.

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Cangas continúa apostando por este proxecto, que ten como finalidade achegar a ciencia a toda a cidadanía. O Concelleiro responsable de esta área Jesús Graña anima a todos os veciños e veciñas de Cangas  a asistir a esta cita de divulgación científica.

Próximas actividades

A prócima actividade do programa “Ciudad Ciencia” que se desenvolverá en Cangas xa ten data. Trátase da exposición “El Universo para que lo descubras” que estará exposta no Auditorio Municipal de Cangas entre os días 11 e 20 de febreiro.

Todos os interesados en “Ciudad Ciencia” poden acceder a máis información sobre as actividades por medio do web http://www.ciudadciencia.es ao que tamén se pode acceder a través da páxina web do Concello http://www.cangas.org/.

23 de xaneiro de 2014 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.