Campamento de iniciación ao esquí en Leitariegos
A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presentou o campamento de iniciación ao esquí Imos á neve, que se desenvolverá do 2 ao 4 de marzo en Leitariegos (León). Ata 30 mozos e mozas de 14 a 20 anos poderán participar neste programa, que combinará as clases de esquí con actividades de inglés e xogos. Do 3 ao 21 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición neste campamento, que pretende fomentar un lecer saudable, na liña doutros programas postos en marcha pola Concellería de Xuventude en 2013. O Departamento financia o 40% do prezo desta actividade, que terá un custo para os participantes de 120 euros, nos que se inclúe o transporte, o aloxamento, as comidas e as clases.
Os interesados deben entregar o impreso correspondente, debidamente cuberto, no Rexistro Xeral (rúa Presidente Salvador Allende) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16), en horario laboral de 9:00 a 14:00 horas. As prazas serán cubertas por rigoroso orde de inscrición.
Coincidindo coas vacacións do Entroido, os participantes partirán de Santiago na mañá do 2 de marzo. Chegarán a Villablino e alí realizarán xogos pola cidade, probarán o equipamento e terán o primeiro obradoiro de inglés. Na segunda xornada xa terán clases de esquí e esquí libre, e unha actividade de inglés e tempo libre. Tras unhas horas máis de esquí, a expedición sairá de volta cara Compostela na tarde do 4 de marzo.











