publicidade hoxe

Cambados presenta o proxecto “Música con DO” en Fitur con concertos de primeiro nivel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal Portada
A-
A+

O Concello de Cambados vai estar presente na XXXIV edición da Feira Internacional do Turismo (Fitur) que se celebra no Ifema de Madrid do 22 ó 26 deste mes, formando parte da delegación galega que amosará o seu potencial dentro do stand de Turgalicia.

 O evento será inaugurado polos Príncipes de Asturias o mércores 22. O día seguinte o alcalde vai presentar o ambicioso proxecto cultural que auspiciou, e ó que se sumaron inicialmente Peñafiel, capital da denominación Ribera del Duero e Haro, en representación da Rioxa. Este programa foi aprobado polo ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e prevé a organización de concertos musicais de primeiro nivel, ademais de ciclos de cine na rúa, exhibicións gastronómicas e todo tipo de actividades infantís durante o verán deste 2014.

Á convocatoria do ministerio presentáronse case 40 proxectos de distintas cidades relacionadas co mundo do viño, sendo o de Cambados un dos que obtivo maior puntuación de maneira que se repartirá 87.000 euros con Peñafiel, pois, finalmente, Haro non pode entrar porque non entregou a tempo a documentación requerida.

O obxectivo principal deste proxecto aprobado polo Goberno de España será o de organizar o festival denominado Música con D.O., a través do cal e durante unha quincena desenvolveránse concertos de diversos estilos de música, provintes de comunidades autónomas estreitamente vinculadas á cultura do viño.

O festival Música con D.O. celebraráse durante dúas semanas, entre o 14 de xullo e o 3 de agosto de 2014. Contará cun programa itinerante o cal vincula territorios que comparten a cultura vitivinícola. Haberá opcións variadas para distintos públicos, sendo unha oportunidade para coñecer a novos artistas de primeiro nivel do panorama nacional a través dos concertos, como actividade principal, así como outras secundarias relacionadas coas artes escénicas, coa música e coa cultura enolóxica.

No ambicioso programa inclúese unha noite de xullo dedicada ó Viño Xove, coa actuación de artistas pop-indie para mozos e non tan mozos. Haberá unha noite de agosto denominada Gran Reserva co concerto dun artista recoñecido a nivel nacional e para un amplo rango de públicos. A Tarde do Mosto, a principios de agosto, dedicaráse ós máis pequenos e ás súas familias cun concerto de música indie infantil na praza de Fefiñáns.

Outras actuacións musicais previstas inclúen tres sesións vermú no paseo da Calzada con concertos de tres bandas de música das comunidades autónomas adheridas ó proxecto; unha sesión vespertina de música clásica e lírica; dúas sesións vespertinas de música tradicional en prazas do conxunto histórico, e outro concerto de jazz, no salón José Peña, que servirá de maridaxe entre a música emailo viño.

O ciclo de cine Vinéfilos permitirá proxectar nas rúas e no museo do Viño prestixiosas produccións nacionais relacionadas co mundo da gastronomía de directores recoñecidos como Jorge Coira, Felipe Ugarte, Agustí Vila ou Carmen Ruscalleda.

O programa tamén inclúe actividades para colectivos desfavorecidos, asinándose un convenio coa ONCE a través do cal ofértase a posiblidade de realizar unha visita guiada sensorial ó museo vitivinícola co obxectivo de que coñezan a unión do patrimonio, a cultura do viño e a música.

Entre as actividades infantís prevese levar a cabo cinco talleres de manualidades creativas con corchos: broches, xoguetes, esculturas, xogos de mesa, etc.; outros cinco talleres de pintura con sarmentos, así como a visita a unha bodega e outra ao museo do Viño con percorrido da ruta de sendeirismo A Pastora-Umia.

13 de xaneiro de 2014 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.